Santiago, 12 de maio de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se demanda ao Goberno de España que proceda a unha adecuación da lexislación orgánica en materia de saúde pública que lle aporte maior detalle e concreción, en orde a proporcionar ás autoridades sanitarias competentes o mellor marco xurídico posible para afrontar as situacións presentes e futuras de risco grave para a saúde pública.
Así mesmo pídese que, namentres non se realice esta actualización e desenvolvemento da lexislación orgánica, desista de solicitar a suspensión da normativa legal aprobada polas comunidades autónomas para facer fronte á pandemia sanitaria.
O viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado lembrou que, desde o inicio da primeira onda da pandemia, “o Goberno de Pedro Sánchez utilizou como única ferramenta de xestión o Estado de Alarma, un mecanismo constitucional pero pensado para aplicar dun xeito excepcional e limitado no tempo”. “E agora que rematou, a resposta do Goberno central volve a ser inhibir as súas responsabilidades e delegar as súas funcións nos tribunais, atribuíndo unha función ao poder xudicial que non está contemplada na Constitución e atenta contra a máis elemental separación de poderes”, apuntou.
“Ante a actitude de abandono da súas responsabilidades por parte do Goberno central, a Xunta decidiu actuar creando unha lei que asegura unha situación proporcionada e garante a seguridade xurídica e o respecto polos dereitos dos cidadáns”, indicou.
CONCIENCIA TRANQUILA
Diante desta situación, Miguel Tellado salientou que “nós temos a conciencia tranquila, porque procuramos por todos os medios darlle á cidadanía galega un marco xurídico garantista co que afrontar a saída do Estado de Alarma”, pero alertou ao PSdeG “cargarán coa responsabilidade de impedilo negándose a impulsar a reforma da lexislación estatal e sumándose ao boicot á lexislación galega que pretendía suplir ese baleiro deixado polo Goberno central”.
Tellado lamentou que “Pedro Sánchez nin lexisla nin deixa lexislar e, polo tanto, estamos ante unha situación na que xa non temos as ferramentas que habilita o Estado de Alarma pero tampouco temos unha lexislación que permita ás autoridades sanitarias facer fronte con garantías ás situacións de risco grave para a saúde pública”.
“O Goberno galego non pode ser tan irresponsable como o Goberno central e vai loitar porque esa lexislación exista, sexa estatal ou autonómica”, sinalou o viceportavoz popular, quen apuntou que “se o Goberno de España quere levalo ante o Tribunal Constitucional, que se pronuncie a xustiza”.