Santiago, 21 de maio de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro lamentou hoxe que BNG e PSdeG “insistan en presentar iniciativas en materia de emprego repetidas e baleiras de contido real” e reiterou que “estamos dispostos a debater e aprobar propostas en positivo que melloren o mercado laboral en Galicia ou que contribúan a mellorar a capacidade dos e das galegas á hora de atopar un emprego estable e de calidade”.
Balseiro manifestou que “cando a oposición fala en termos tan xenéricos e imprecisos sobre emprego, desde o Grupo Popular falamos de iniciativas que a Xunta xa puxo en marcha e dotadas de contido e orzamento concreto”.
Na súa intervención, o deputado popular asegurou que “o emprego en Galicia está en mellor situación que no resto de España”. Así, apuntou que a Galicia é a comunidade con maior caída do paro interanual do conxunto de España, unha situación que “non nos fai ser conformistas, porque somos conscientes de que aínda hai marxe para mellorar”.
“O Goberno galego está a despregar unha estratexia en materia de emprego que ten en conta ás mulleres, á mocidade e ás persoas en situación de ERTE”, dixo o deputado popular. Neste sentido, lembrou que “cada ano se financian preto de 200 iniciativas empresariais dirixidas de mulleres e na última lexislatura se investiron máis de 130 millóns de euros en políticas activas de emprego para a xuventude”.