Santiago, 2 de xuño de 2021.- A deputada do Grupo Popular Ana Belén García Vidal asegurou hoxe no Parlamento que a Xunta “continuará convocando procesos selectivos de empregados públicos para seguir reducindo a temporalidade coa máxima seguridade xurídica, a pesar de ter a taxa máis baixa de España”.
Neste sentido, lembrou que o Goberno galego “ten un plan pactado cos sindicatos para ofrecer emprego público de alta calidade aos mozos galegos, ademais de darlle ao persoal temporal a posibilidade de consolidar o seu emprego”.
Ana Belén García salientou que a Xunta “está a loitar contra a temporalidade do emprego público con consenso sindical”, e fixo referencia ao acordo asinado en 2019 coas organizacións sindicais CC.OO. e UXT “co obxectivo de acadar unha taxa de temporalidade inferior ao 7 por cento, recollendo para iso unha serie de compromisos en relación ás ofertas públicas de emprego dos anos 2018, 2019 e 2020”.
MESMA CONSIDERACIÓN
Deste xeito, entre os anos 2018 e 2020 ofertáronse no ámbito da Función Pública 3.168 prazas para a estabilización do persoal temporal, das que 849 correspondían a prazas do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.
Neste sentido, asegurou que o obxectivo é “dar ao persoal deste Consorcio a mesma consideración, as mesmas oportunidades e o mesmo tratamento que ten o resto do persoal temporal da Xunta, habilitándolle a oportunidade de consolidar o seu emprego mediante o único procedemento lícito e dotado de seguridade xurídica que existe na lexislación española e galega sobre emprego público: a superación dun procedemento selectivo”.
A deputada popular insistiu na necesidade de eliminar a taxa de reposición, “demanda que desde Galicia vimos moitos anos realizando e xa temos presentado unha proposta formal ao Goberno central de reforma do Estatuto Básico do Empregado Público para eliminar as taxas de reposición e garantir a estabilidade laboral no emprego e reducir a temporalidade entre as persoas traballadoras das distintas administracións”.