Demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España de modificar a tramitación e autorización de proxectos eólicos en Galicia
Galicia é un referente a nivel eólico. Na actualidade, na nosa Comunidade hai 180 parques en funcionamento que suman unha potencia instalada próxima aos 4.000MW, coa previsión de desenvolver 450MW ao ano ata 2030. Neste sentido, o sector eólico resulta estratéxico dentro da aposta galega polas enerxías renovables e a transición ecolóxica, ademais dunha oportunidade para crear emprego e xerar riqueza.
De feito, segundo datos da Asociación Eólica de Galicia, a enerxía eólica representa a principal fonte de xeración eléctrica no territorio galego, achegando o 35% do noso mix enerxético.
Ademais, esta actividade evita a emisión de 5,4 millóns de toneladas de CO2 –contribuíndo ao obxectivo de neutralidade climática no 2050 – ao mesmo tempo que xera máis de 7.000 postos de traballos directos e indirectos e contribúe ao Produto Interior Bruto galego con máis de 580 millóns de euros.
A Xunta de Galicia debe, polo tanto, seguir ofrecendo a súa máxima colaboración para que se aproveiten as oportunidades que xurdan neste ámbito, sempre e cando os proxectos que se presenten cumpran coas directrices fixadas tanto no eido medioambiental, como no eido sectorial e técnico, exercendo a máxima transparencia coa cidadanía e velando pola compatibilidade con outros sectores económicos.
Con este obxectivo, precisamente, Galicia conta cun plan sectorial eólico que define as Áreas de Desenvolvemento Eólico (ADE) onde poden colocarse aeroxeneradores, e a Lei 9/2021 de Simplificación Administrativa e de Apoio á Reactivación Económica aprobada fai uns meses no Parlamento de Galicia, reforza a prohibición de implantar parques fóra das áreas incluídas no Plan Sectorial Eólico, a excepción de proxectos que teñan unha clara incidencia territorial pola súa entidade económica e social e posúan unha función vertebradora no territorio.
Con este instrumento normativo xa foron informados negativamente 36 proxectos que tramita o Goberno central na Comunidade, que suman unha potencia total de 2.693,8 MW.
Por outra banda, cómpre recordar que desde 2009 en Galicia non se permite a autorización de proxectos eólicos nos espazos declarados como zonas de especial protección dos valores naturais para formar parte da Rede Natura 2000 (agás as repotenciacións), prohibición que foi referendada en 2014, coa aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000, sinalando expresamente como actividade prohibida a implantación de novos parques eólicos nestas zonas.
Polo tanto, a Xunta de Galicia ten solicitado que a información ambiental publicada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica no ámbito da zonificación ambiental para enerxías renovables eólica e fotovoltaica sexa clara e que non induza a erro, pois na zona de sensibilidade máxima na que está incluída Rede Natura, infórmase aos promotores que os eólicos non están recomendados, cando os proxectos nestas áreas están prohibidos.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España que:
1. Non proceda á tramitación e autorización dos proxectos eólicos da súa competencia que supoñan a implantación fora das áreas definidas polo plan Sectorial eólico vixente en Galicia, de acordo co regulado na Disposición final sexta da Lei 9/2021, de 25 de febreiro, tampouco daqueles que se atopen en Rede Natura, en virtude do establecido no artigo 31 da Lei 8/2009 e no artigo
60.3.d).2º) do Anexo II do Decreto 37/2014.
2. Proceda a modificar a información do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico coa fin de proporcionar información clara e veraz sobre a instalación de proxectos eólicos en diversas zonas protexidas avaladas pola lexislación ambiental e sectorial galega.
3. Proceda a solicitar ao Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto demográfico á modificación do Real Decreto Lei 23/2020 do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, aos efectos de ampliar os prazos de tramitación dos proxectos eólicos para evitar a presión xerada polo Goberno co establecemento dunhas datas moi axustadas e prexuízos económicos importantes no caso de non cumprirse, o que está a provocar unha solicitude desmesurada de parques sen a suficiente información con grave impacto no desenvolvemento con garantías do traballo administrativo por parte dos órganos sectoriais e ambiental da Comunidade Autónoma”.
Rexistro Iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/EfQan9hLMslt81GiHZOT6U-vVeONw3Nr5rGLGmgsYDQ=