Iniciativa obre a postura do Parlamento respecto da utilización da figura do indulto con fins partidistas e a demanda da Xunta de Galicia ao Goberno de España de respecto ás decisións dos xuíces para non utilizar con fins partidistas a figura do indulto
Durante os últimos 40 anos, España viviu a máis longa época de crecemento, progreso e paz da súa historia, gracias ao esforzo conxunto que a sociedade e todas as forzas políticas realizaron durante a transición. Unha realidade que reflexou notablemente en Galicia, que iniciou unha etapa de desenvolvemento e prosperidade sen precedentes.
Por estas razóns, a sociedade galega no seu conxunto manifesta habitualmente a súa vontade de manter a unidade, a solidariedade interterritorial e a redistribución interpersoal en España, que son as bases do Estado das Autonomías que establece a nosa Carta Magna, así como o Estatuto de Autonomía de Galicia.
En outubro de 2017, diversos partidos e membros do Goberno de Cataluña organizaron un referendo ilegal co obxectivo de atacar esta unidade territorial e separar esta comunidade autónoma do resto de España. Ademais, proclamaron de forma ilegal a independencia, constituíron unha suposta república catalá e utilizaron recursos públicos para tal fin.
Unha operación que, ademais de ser contraria á Constitución, puxo en risco as bases da nosa convivencia democrática e do Estado de Benestar no que Galicia ten prosperado coma nunca antes na súa historia contemporánea.
Dous anos despois os impulsores destes actos foron condenados polo Tribunal Supremo a penas que oscilaban entre os 9 e os 13 anos de prisión así como a penas de inhabilitación. O alto tribunal considerou probado que as devanditas persoas cometeran delitos de sedición e/ou malversación.
No momento de coñecerse a sentenza, o Presidente Sánchez «garantía tanto á cidadanía catalá como ao conxunto da cidadanía española que esa sentenza íase cumprir na súa totalidade» posto que «ninguén está por encima da lei» mentres que outros membros do seu goberno defendían que as penas impostas debían cumprirse integramente.
Pero tanto Sánchez como o seu goberno seguían necesitando os votos dos partidos independentistas cataláns para manterse no poder; unha necesidade que se fixo máis perentoria tras as eleccións xerais celebradas en novembro de 2019 nas que o PSOE perdeu case 800.000 votos e 3 escanos respecto ás celebradas no mes de abril do mesmo ano.
Esa necesidade pode verse detrás da decisión do goberno de realizar unha modificación do delito de sedición, incluída dentro unha reforma máis amplía do Código penal, que supoñería unha rebaixa das penas aos condenados polo 1-O.
Unha reforma que como explicou en setembro de 2020 o actual Ministro de Política Territorial e Función Pública, Miquel Iceta, era necesario abordar porque «é importante que o Goberno demostre que quere ir resolvendo temas concretos» (dito en referencia á situación dos condenados polo 1-O).
Agora, en 2021, o Presidente Sánchez e o seu goberno non esconden a súa vontade de indultar a uns condenados que non só non mostraron ningún arrepentimento, senón que deixaron claro (tanto no xuízo, ao exercer o seu dereito á última palabra, como en declaracións posteriores) que teñen intención de reincidir nos delitos cometidos.
Ademais, tanto a Fiscalía como o Tribunal Supremo opóñense ao indulto.
O alto tribunal, nun demoledor e clarísimo informe aprobado por unanimidade dos seus membros, explica que o que pretenden o Presidente Sánchez e o seu goberno é retorcer a natureza do indulto e cuestionar «o lexítimo exercicio da función xurisdicional».
É dicir, o goberno está a poñer en dúbida, do mesmo xeito que o fan os líderes independentistas, o funcionamento da xustiza española, co que iso significa de ataque a un poder do Estado cuxa independencia constitúe un piar fundamental da nosa democracia.
Por último, destacar que o Tribunal Supremo deixa en evidencia a verdadeira intención do Goberno ao defender o indulto, que non é outra que a súa mera supervivencia política, ao lembrar que «algúns dos que aspiran ao beneficio do dereito de graza son precisamente líderes políticos dos partidos que, neste momento, garanten a estabilidade do Goberno chamado ao exercicio do dereito de graza».
Por todo o exposto, e fronte á fundada sospeita de que non nos atopamos ante un indulto senón ante un pago político. E desde a convicción de que a paz social e a democracia só se poden acadar desde o máximo respecto ao Estado de Dereito que a nosa Constitución garante, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia:
1. Expresa o seu respaldo absoluto á Constitución, o Estatuto de Autonomía de Galicia e ao resto do ordenamento xurídico como garantes do estado de dereito e da democracia no noso país.
2. Manifesta o seu apoio ao labor que realizan todos os días os diferentes tribunais de xustiza, con especial mención ao Tribunal Supremo, de maneira independente, responsable e sometidos unicamente ao imperio da lei como establece o artigo 117 da Constitución Española.
3. Insta o Goberno de España a respectar as decisións dos xuíces, non utilizando a figura do indulto con fins partidistas, para beneficiar a aqueles que vulneraron a Constitución e cometeron múltiples delitos nos que, como manifestaron publicamente, pretenden reincidir.”
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/vJdSVg40Q91BvetftIhaHmWQi8Rwx1hHb0OSF9Ezfn4=