Incorporar máis vantaxes ao Carné Xove para seguir promovendo entre as novas xeracións descontos no ámbito cultural, no aloxamento, nos transporte, no comercio ou no ensino
A Xunta de Galicia reforzou este ano a súa aposta polos programas de voluntariado, tempo libre e educación non formal que teñen todos eles un impacto directo sobre a formación en valores da mocidade galega. Con este obxectivo, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado consolida un presuposto de 17,6 millóns de euros.
Varias iniciativas dirixidas á mocidade neste contexto de pandemia, como unha programación de lecer educativo e a ampliación do Plan de formación online para mocidade e voluntariado.
O pasado mes de decembro de 2020 a conselleira de Política Social presentou as novidades do Carné Xove:
– A primeira delas é que o Carné Xove será gratuíto, indefinido e accesible ao 100% das mozas e mozos galegos de entre 12 e 30 anos. Isto é arredor de 400.000 persoas. De feito, xa está chegando aos fogares galegos e nos vindeiros meses completarase o envío ao 100% da mocidade da Comunidade.
– En segundo lugar, poñerase en marcha unha aplicación móbil que permitirá ter acceso a descontos e promocións xeolocalizados;
– E en terceiro lugar, a Consellería de Política Social asinou un convenio de colaboración coa Federación de Jóvenes Empresarios para impulsar o comercio local, que permitirá que os usuarios do Carné Xove poidan ter acceso a descontos nas empresas adheridas.
Con estas vantaxes, o Goberno galego busca facer o Carné Xove máis accesible, adaptado aos novos tempos e eliminar atrancos para a súa obtención.
Por todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“ O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a continuar incorporando máis vantaxes ao Carné Xove para seguir promovendo entre as novas xeracións descontos no ámbito cultural, no aloxamento, nos transportes, no comercio ou no ensino”.
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/G9L01GjVxu7CFnxtooMBfyRosFkiaMRIqMWKevHJA4A=