Demanda por parte da Xunta de Galicia ao Goberno de España da convoctaria dun proceso selectivo para cubrir as prazas de persoal examinador de tráfico vacantes en Galicia
O carné de conducir é hoxe en día unha ferramenta importante de traballo, de mobilidade e de independencia.
O permiso para conducir é requerido en moitas ofertas de traballo que saen publicadas a diario nos diferentes medios de comunicación e plataformas de búsqueda de emprego. E ademáis, na situación actual de crise económica e de desemprego, o sector loxístico e do transporte é un dos motores da creación de emprego, e o carné de conducir incrementa as oportunidades de acceso a traballos que exisen licencias específicas como as precisas para conducir camións, autobuses, ambulancias, motocicletas de reparto, etc.
En Galicia, si queremos fixar poboación no entorno rural e tendo en conta a dispersión poboacional, resulta imprescindible favorecer o acceso ao carné de conducir para facilitar os desprazamentos diarios, non só ao posto de traballo senón ao centro de estudos, ao centro de saúde ou simplemente a actividades de lecer.
O carné de conducir aporta tamén liberdade de movemento para non ter que depender de terceiras persoas ou dos horarios dos servizos públicos de transporte que non sempre se adaptan ás necesidades persoais, profesionais ou académicas.
Neste contexto, a Xunta de Galicia, co obxectivo de mellorar a autonomía, mobilidade e inserción laboral da xuventude ven de publicar unha liña de axudas, no marco do Plan Estratéxico de Xuventude 2021, para pagar o custe do permiso de conducir tipo B ou C por importe de 400 e 600 euros respectivamente.
A pesar da importancia da obtención do carné de conducir o goberno de España non pon os medios necesarios para que remate co colapso que estamos a sufrir en Galicia que impide examinarse a máis de 15.000 persoas segundo datos que manexan as autoescolas da nosa Comunidade Autónoma.
A necesidade de cubrir prazas vacantes de examinadores na Dirección General de Tráfico fai que haxa interminables listas de agarda para poder presentarse ao examen práctico, nalgúns casos chega a alcanzar o ano de espera o que está provocando que moitas persoas perdan a posibilidade de aprobar oposicións ou de acceder a postos de traballo que piden o carné de conducir como requisito.
Por Resolución de 18 de marzo de 2021, da Subsecretaría do Ministerio del Interior, foi convocado proceso selectivo para o nomeamento de 35 funcionarios interinos do Cuerpo General Administrativo de la Administración del Estado, especialidade de Tráfico cuxo nomeamento e asignación de destinos produciuse o pasado 14 de xullo, e nin unha soa persoa destes 35 interinos foi destinada a Galicia.
Outra Resolución da DGT, do 19 de abril de 2021, convocou 60 prazas máis de examinadores interinos para repartir “entre as diferentes xefaturas provinciais de España que máis o poidan necesitar” segundo di a nota de prensa do Ministerio del Interior que anuncia a convocatoria. E neste caso, tampouco Galicia será o destino de ningunha destas 60 prazas xa que a convocatoria establece como destinos as Xefaturas Provinciais de Madrid, Barcelona, Navarra, Castellón, Guipúzcoa, Huelva, Almería, Ciudad Real, Cuenca, Girona, Tarragona, Valladolid, Albacete, Alicante, Araba, Badajoz, Baleares, Ibiza, Menorca, Bizcaia, Cantabria, Cáceres, Cádiz, Córdoba, Granada, León, Lleida, Alcalá de Henares, Murcia, Málaga, Fuerteventura, La Rioja, Santa Cruz de Tenerife, Segovia, Sevilla, Toledo, Valencia y Zaragoza.
Deste xeito, Galicia volve a ser discriminada polo goberno do Estado, nesta ocasión no que se refire ás plantillas de examinadores de tráfico, xa que non recibirá ningún reforzo que poida paliar a situación que se está a vivir na actualidade de colapso e listas de agarda das persoas, na súa maioría xente moza, mermando as súas posibilidades de empregar unha ferramenta de traballo, de mobilidade e de independencia ao conquerir o permiso de conducir.
Por todo o exposto, os deputados e deputadas do Grupo Parlamentario Popular presentan a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar do Goberno de España:
1.- Que por parte do Ministerio do Interior, a través da Dirección General de Tráfico, se convoque de xeito urxente un proceso selectivo que permita cubrir as prazas de examinadores de tráfico vacantes na Comunidade Autónoma de Galicia, para atender as graves carencias de persoal que sofren as catro Xefaturas Provinciais de Tráfico galegas.
2.- Que mentras non se cubran as prazas vacantes non se deriven examinadores para cubrir a carencia de persoal administrativo nas oficinas das diferentes xefaturas provinciais.
3.- Que se proceda de xeito inmediato a crear unha bolsa de horas extra nas catro Xefaturas Provincias de Tráfico para facer máis probas, ao igual que se fixo en época estival en anos anteriores, e aliviar o colapso e lista de agarda que hai actualmente en toda Galicia para obter o permiso de conducir.