Iniciativa para retomar os traballos de elaboración do plan de dinamización e impulso da lectura en Galicia
As políticas a prol do fomento e a dinamización da lectura en Galicia son unha tarefa de toda a sociedade, na que están implicados múltiples axentes, tanto públicos como privados. A consolidación dunha cidadanía lectora debe ser o obxectivcentral de calquera política cultural. Como observamos, o Goberno galego traballa coa vista en:
Reforzar o papel do libro galego e aumentar o hábito lector entre a cidadanía.
Favorecer a consolidación da industria editorial.
Impulsar a internacionalización do libro e da literatura galega.
Porén, para poder acadar estes obxectivos sectoriais básicos é preciso dispoñer dun documento que parta dun diagnóstico da situación e que sexa o resultado dun traballo de reflexión cos sectores implicados, no que se recollan e ordenen as prioridades e necesidades, a concreción das liñas e das medidas que se van levar a cabo, e a temporización.
Desde o ano 2019, está constituído un grupo de traballo no seo do Consello Asesor do Libro para elaborar o plan de dinamización e impulso da lectura en Galicia, que debe contar co maior consenso posible para resultar útil e eficaz.
Tras o parón provocado pola pandemia, e tal e como se trasladou desde a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, agárdase retomar os traballo desde grupo proximamente co horizonte en rematar e presentar o plan.
Esta folla de ruta enmárcase na Estratexia de Cultura de Galicia 2021 e busca fixar os eixes estratéxicos e as medidas da acción cultural de Galicia neste ámbito nos vindeiros anos.
Polo exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presentan a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a retomar os traballos de elaboración do plan de dinamización e impulso da lectura en Galicia o antes posible”.