Actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para exixir ao Goberno de España una reforma lexislativa sobre a ocupación de vivendas
A Xunta de Galicia ten trasladado ao Goberno Central en diversas ocasións a necesidade de que, no marco das súas competencias, interveña de xeito decidido e eficaz para poñer fin á ocupación ilegal de vivendas, unha actividade ante a que é precisa unha resposta firme, contundente e rápida.
A ocupación é, sen dúbida algunha, un problema que xera inseguridade xurídica para os lexítimos propietarios de vivendas, conflitos de convivencia nas comunidades de veciños, alarma social nos barrios e inquedanza no conxunto da cidadanía.
Unha inquedanza e unha alarma social que se incrementa ante a posición do Goberno central, instalado no “negacionismo” da realidade constatable que supón a ocupación ilegal de vivendas e ante a que se considera imprescindible unha modificación da lexislación vixente.
Cómpre ter en conta que a ocupación non é unha cuestión de números, é un problema real para as persoas ou familias que o sofren pero que tamén xera graves problemas
de convivencia e seguridade no entorno máis inmediato.
Ante esta realidade, a Xunta de Galicia solicitou informes a dous expertos penalistas das universidades de Santiago de Compostela e de Castela A Mancha,. Ambos informes inciden nas súas conclusións na necesidade de acometer a reforma do Código Penal para disuadir as ocupacións e devolver as vivendas aos seus propietarios.
Así, as principais conclusións que arroxan estes informes son a necesidade de modificar o Código Penal (o artigo 245) e acometer unha variada e extensa normativa sectorial: como a Lei de Axuizamento Civil, a Lei de Axuizamento Criminal, a Lei do Tribunal do Xurado, a Lei de Propiedade Horizontal, a Lei de Bases de Réxime Local e a Lei Orgánica de protección Xurídica do Menor.
Tendo en conta isto, no Observatorio Galego da Vivenda celebrado en abril a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda avanzou que, en base ao contido dos ditames presentados ante este organismo, os servizos xurídicos da Xunta elaborarían un informe para trasladar ao Goberno central co obxectivo de que tome conciencia da problemática cuantitativa e cualitativa deste fenómeno na nosa Comunidade.
Por todo isto, e tendo en conta a importancia desta cuestión, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a, tomando como base os informes de xuristas, remita un informe xurídico ao Goberno de España para esixir que se efectúe a necesaria reforma lexislativa que axude a poñer freo ao fenómeno da ocupación de vivendas”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001586