Demanda por parte da Xunta ao Goberno de España do restrablecemento de todos os servizos e frecuencias que ofrecía o transporte ferroviario antes da crise da covid-19
O pasado mes de xullo a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez reuniuse con membros do sector ferroviario de Comisións Obreiras, para analizar polo miúdo a situación na que se atopa o transporte ferroviario en Galicia.
Ambas as partes amosáronse moi preocupadas pola redución de servizos e frecuencias realizada por Renfe, co visto e prace do Goberno de España, coa escusa da pandemia da covid-19. Unha vez recuperada por completo a libre mobilidade en todo o territorio natural, e finalizada o pasado 9 de maio a vixencia do estado de alarma, os servizos ferroviarios continúan sen restituírse na súa totalidade, limitando considerablemente o dereito dos cidadáns á mobilidade.
A titular da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e os representantes sindicais tamén coincidiron en salientar a necesidade de que os investimentos en infraestruturas ferroviarias, tanto no que atinxe ao AVE como ás estacións intermodais, vaian acompañados da mellora do material rodante, nomeadamente a dotación de trens AVRIL, e da programación das frecuencias de servizos que respondan ás necesidades de mobilidade da cidadanía galega.
Por todo iso, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia, insta á Xunta de Galicia a demandar ao Goberno de España:
1. O restablecemento dos trens hotel entre Galicia e Madrid e Barcelona.
2. A restitución de todos os traxectos e frecuencias dos trens rexionais existentes antes da crise sanitaria provocada pola covid-19
3.A restitución de todos os traxectos e frecuencias dos trens de longa distancia que conectan Galicia co resto de España e Portugal existentes antes da crise sanitaria provocada pola covid-19.
4. Que fagan parada todos os trens de longa distancia que pasen pola estación de Vilagarcía con destino ou orixe en Madrid”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-001999