Santiago, 26 de outubro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo afirmou hoxe no Parlamento galego que “o importante para unha muller que decide someterse a unha interrupción voluntaria do embarazo é que teña unha boa asistencia sanitaria e que sexa nas mellores condicións”, polo que apoiou que a Xunta adopte as medidas necesarias para garantir que as mulleres poidan exercer, con todas as garantías, o dereito ao aborto no sistema público de saúde.
Rodríguez-Vispo sinalou que tanto o Goberno galego como o PPdeG “respectamos as leis e os dereitos das mulleres recoñecidos nelas” e apuntou que “nós apoiamos sempre ás mulleres, sen facer excepcións”.
EN TODAS AS ÁREAS SANITARIAS
“Os circuítos asistenciais de interrupción voluntaria do embarazo do Sergas son de aplicación nos hospitais públicos en todas as áreas sanitarias, e contemplan todos os aspectos necesarios para garantir que as mulleres que desexen interromper o seu embarazo poidan facelo en Galicia, cunha atención integral e de calidade, con axuste aos protocolos internacionais e coa maior e mellor atención sanitaria, conforme á legalidade vixente e seguindo os protocolos máis esixentes”, manifestou.
A deputada popular defendeu que “a muller pode elixir onde facer a interrupción do embarazo, porque pensamos que os dereitos se deben exercer individualmente, e non por imposición”.
“Nos preocupa enormemente a atención que se lles da ás mulleres no caso de que teñan que someterse a unha interrupción do embarazo, porque sabemos que é unha situación que calquera muller evitaría se puidese e porque é un dereito da muller recollido pola lei que Galicia está a cumprir”, rematou.