Santiago, 3 de novembro de 2021.- O Partido Popular de Galicia, a través dunha proposición non de lei rexistrada no Parlamento galego, unha emenda no Senado e mocións tanto nas deputacións provinciais como nos concellos galegos, demanda ao Goberno de España que no proxecto de Lei da cadea alimentaria, que na actualidade se está a tramitar na Cámara Alta, se garanta que todos os elos da cadea de valor láctea cobren polo seu produto un prezo que cubra, alo menos, os seus custos de produción e que esta esixencia se contemple de xeito particular no caso dos gandeiros. Ademais, pídese que no texto final desta lei se recoñezan os resultados económicos da Conta láctea galega ou doutras aplicacións oficiais como forma de acreditación do custo efectivo da produción.
?️Aveciñanse tempos difíciles e os mais prexudicados que son os operadores do sector primario, fortalecer a súa posición negociadora facilitar que poidan repercutir no prezo dos productos os incrementos dos costes de producción é unha esixencia @ElenaCandiaLu ? pic.twitter.com/W8rIhXTw7j
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) November 3, 2021
A portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, Elena Candia, deu conta esta mañá no Parlamento galego destas iniciativas, nunha comparecencia na que estivo acompañada de varios deputados populares pertencentes á Comisión de Agricultura e Gandería.
O @ppdegalicia presenta unha emenda no Senado para modificar o artigo 12 ter da lei de cadea alimentaria e iniciativa no @Par_Gal para que todos os elos da cadea de valor láctea cobren polo seu produto un prezo que cubra os seus custos de produción @ElenaCandiaLu pic.twitter.com/eCL4lVJhBy
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) November 3, 2021
Elena Candia lembrou “a difícil e preocupante situación na que se atopan moitas explotacións agrogandeiras a consecuencia da suba de moitas partidas que repercuten de maneira negativa nos custos de produción, como a forte suba do prezo da luz, a eliminación das bonificacións ao gasóleo agrícola e incremento do prezo das materias primas que compoñen o alimento do gando”.
MECANISMOS DE CONTROL
Diante desta situación, considerou “necesario que se axuste a reforma do proxecto de Lei da cadea alimentaria, actualmente en tramitación no Senado, para que se incrementen de forma sensible os mecanismos de control que impidan aos produtores vender a perdas ou por baixo dos custos de produción”.
“Non é suficiente a proposta contida no artigo 12 Ter desta lei, cando se refire a que cada operador deberá pagar ao operador inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custe efectivo da produción, polo que reclamamos que o prezo que se debe pagar ao produtor debe cubrir, alo menos, o custo de produción e sempre unha marxe de beneficio, como calquera empresario”, concretou.
Elena Candia manifestou que, para que esta reforma da Lei teña efecto real, “o Goberno central debe habilitar mecanismos de control específicos que garantan o cumprimento desta prohibición, especialmente nas relacións nas que interveñen os produtores do sector primario”.
Ademais, a portavoz popular afirmou que “debe entenderse como válido o custo efectivo de produción determinado a través de aplicacións ou plataformas informáticas especificamente deseñadas ao efecto por parte de organismos públicos de ámbito estatal ou autonómico con competencia en materia agraria”.
CONTABILIDADE RIGOROSA
Neste sentido, salientou que a Xunta “xa fixo os deberes dentro da Estratexia do sector lácteo coa creación da aplicación Conta láctea”, que promove unha contabilidade rigorosa nas explotacións lácteas galegas. Esta aplicación respecta escrupulosamente a normativa contable española e permite obter a conta da explotación e o custe de produción por cada litro de leite, entre outras funcionalidades.
Candia indicou que “a solución definitiva pasa pola necesaria concienciación do consumidor final sobre o carácter esencial que ten o sector primario na alimentación, ao tempo que se recoñece a importancia, tan demostrada durante a pandemia sanitaria que vivimos, de ter un sector primario ben construído no territorio galego”.
“Todo isto ten que terse en conta no prezo dos produtos, sendo esencial que se lexislen os mecanismos que aseguren que a repartición do valor engadido xerado chegue a todos os elos da cadea de valor, con especial consideración ao máis débil, que sempre é o operador do sector primario”, apuntou.
CAMPAÑA DIRIXIDA AO CONSUMIDOR
Así, a iniciativa que impulsará o PPdeG tanto no Parlamento galego, como no Senado, nas deputacións e nos concellos con máis presenza do sector gandeiro, demanda impulsar unha campaña de concienciación dirixida ao consumidor final sobre o papel esencial do sector primario no aprovisionamento de alimentos de calidade, ademais de reforzar a promoción dos produtos lácteos galegos, incidindo en aspectos como a seguridade alimentaria, o benestar animal nas explotacións e a diversificación da produción.
Para rematar, apóiase a demanda de base territorial para os gandeiros, como mecanismo de redución dos custos de alimentación; e a tramitación da constitución do Observatorio Lácteo Galego, previsto na Estratexia do sector lácteo, como instrumento que permita acadar unha mellor estrutura sectorial.