Santiago, 4 de novembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular Rubén Lorenzo afirmou hoxe que os orzamentos da Deputación de A Coruña “son papel mollado con promesas que, un ano máis, caerán en saco roto”, e lamentou que esta institución provincial só tivera executado o pasado mes de setembro o 31 por cento dos orzamentos de 2021.
“Convide aos representantes do PPdeG a participar na confección dunhas contas públicas que deben ser expansivas e teñan como obxectivo fortalecer a senda da recuperación económica na provincia coruñesa, con partidas de apoio aos sectores económicos que axuden a consolidar a recuperación económica e a potenciación do benestar social”, indicou.
Rubén Lorenzo comezou a súa réplica á comparecencia do presidente da Deputación de A Coruña, Valentín González Formoso, no Parlamento galego para presentar os orzamentos da institución provincial cualificando de “reprochable que veña a esta Cámara a explicarnos unhas contas que os deputados provinciais do PPdeG nin tiveron oportunidade de visionalas nin as coñecen”. “Por respecto e responsabilidade debería poñer os orzamentos da Deputación aos dispor dos distintos grupos políticos integrantes da corporación provincial”, demandou.
Na súa intervención, Lorenzo cualificou os orzamentos da Deputación de A Coruña como “continuístas e ficticios, que non se axustan ás necesidades deste momento de recuperación pois non contan con ningunha pretensión seria para saír da grave crise na que estamos inmersos por mor da irrupción da Covid-19”. Neste sentido, criticou “o desinterese do presidente da Deputación, a súa absoluta ineficacia para xestionar os recursos provinciais, a súa ausencia reiterada da institución e a irrisoria execución orzamentaria”.
“A bandeira que defende o PPdeG é a de facer política útil que beneficie a toda a cidadanía”, polo que “nestes momentos hai que anticiparse e concentrar os recursos en activar políticas que axuden a paliar os efectos tan negativos que vai ocasionar esta crise na economía local e provincial”, manifestou o deputado popular.
Deste xeito, demandou que os orzamentos da Deputación de A Coruña inclúan partidas sociais, para axudar a entidades como Cáritas, Cruz Vermella, os bancos de alimentos, as cociñas económicas ou outras entidades benéfico-sociais; aumenten os créditos destinados a vías e obras; melloren os sistemas de abastecemento e saneamento nos concellos de menos de 20.000 habitantes; ou destinen unha parte importante dos remanentes ao gasto social.
DESIGUALDADE SOCIAL E AMIGUISMO
“Desde a Deputación Provincial de A Coruña, con vostede como máximo responsable, camiñamos cara a desigualdade social e consolidamos o amiguismo”, sinalou Lorenzo, quen considerou prioritario que “as axudas vaian dirixidas a incentivar a recuperación económica e incorporar novos incentivos para as empresas e autónomos que sufriron de forma significativa as restricións por razóns de saúde pública e que, en moitos casos, se viron abocados a reducir drasticamente a súa actividade”.
Rubén Lorenzo lamentou a “falta de previsión e a nula ou pésima orzamentación” na Deputación de A Coruña, xa que “ano tras ano publican convocatorias que na maioría dos casos quedan desertas ou utilizan os modificativos de crédito para incrementalas, porque o importe inicial é insuficiente para atender as demandas dos solicitantes”.