Santiago, 11 de novembro de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo incidiu hoxe no Parlamento de Galicia na “aposta do actual Goberno galego pola sanidade pública en Ourense, que se traduce no novo edificio de hospitalización e a reforma integral do materno infantil; na licitación do Servizo de Medicina Nuclear; a nova UCI; o novo centro integral de saúde Novoa Santos; a renovación de toda a alta tecnoloxía; ou a dotación dun novo edificio ambulatorio e outro administrativo para seguir avanzando na reforma integral do Hospital de Ourense”.
“Todo isto é o que a sanidade ourensá demanda e necesita, e o Goberno galego recolle esas demandas e as executa”, afirmou a deputada popular, quen apuntou que “todo iso se fai apostando polos profesionais e pola súa estabilidade laboral e benestar”.
COMPORTAMENTO EXEMPLAR
Rodríguez-Vispo salientou que “os profesionais do Servizo de Urxencias de toda a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco tiveron un comportamento exemplar durante toda a pandemia sanitaria, cun altísimo nivel de satisfacción entre os usuarios xa que practicamente non existen reclamacións por parte de pacientes e persoas usuarias”.
Respecto do déficit de profesionais en Galicia, a deputada popular salientou que “Galicia está a liderar a demanda ante o Goberno de España por incrementar a capacidade de formación de especialistas en medicina familiar e comunitaria”. Así, lembrou que no día de onte o conselleiro de Sanidade informou que a Xunta remitira toda a documentación ao Goberno central solicitando 64 novas prazas de formación de medicina familiar e comunitaria, pasando de 142 a 206, o que supón un incremento do 45 por cento.