Santiago, 16 de novembro de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe, co voto en contra do PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España a reorientación do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (PRTR) cara ás necesidades de mellora e avance do sector marítimo-pesqueiro e da cadea mar-industria, con especial incidencia na busca dunha axeitada remuda xeracional e na mellora da competitividade da estrutura produtiva e da protección do medio mariño mediante medidas de cogobernanza co sector.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, criticou que “dos 1.051 millóns de euros dos proxectos deseñados dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia para o sector agroalimentario e pesqueiro do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, só 95 millóns van destinados ao plan pesqueiro, o que supón só o 9 por cento do total”. Ademais, cerca da metade destes 95 millóns de euros destinarase a comprar catro patrulleiras.
“Consideremos que as prioridades marcadas polo Ministerio dentro deste Plan non se dirixen ás verdadeiras necesidades da estrutura marítimo-pesqueira, xa que tanto as actividades extractivas de cultivos mariños como a cadea mar-industria necesitan que esta iniciativa se dirixa a poñer os alicerces do futuro e non a cubrir os ocos que o Goberno central ten en materia pesqueira ou adiantar pasos en asuntos que nin sequera están pechados”, apuntou.
Teresa Egerique lamentou que “a pesca ou a cadea mar-industria nin sequera se cita nas políticas para reactivar e modernizar o tecido produtivo, pese a ser un sector que permaneceu activo durante a pandemia e subministrou alimentos de calidade co esforzo e risco para os seus profesionais”.