Santiago, 25 de novembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Manuel Balseiro lamentou esta tarde no Parlamento galego que o Goberno central desestimara a solicitude formulada pola Xunta de Galicia para financiar con cargo aos fondos europeos Next Generation o proxecto de mellora da estrada LU-710 ao seu paso polo municipio lucense de Baralla.
Tamén explicou que o Goberno galego, consciente da necesidade desta mellora, xa ten redactado un proxecto construtivo de acondicionamento desta vía, para o que prevé un investimento estimado de 2,4 millóns de euros (2,2 millóns de euros para a execución da obra aos que se engaden os máis de 227.000 euros para o pagamento das 138 parcelas necesarias para levar adiante estes traballos).
A actuación comprende desde a intersección coa N-VI ata o enlace coa A-6 (unha vez cruzado o río Neira) e prevé tanto a ampliación da calzada, con dous carrís de 3 metros cada un e beiravías de 0,50 metros, como outras actuacións complementarias, como a mellora das curvas e disposición de sobreanchos, a mellora da intersección coa estrada nacional, cunha solución que canaliza a circulación a través dun carril de central de espera, ademais da rehabilitación do firme en todo o percorrido e a implantación de paradas de bus.
Balseiro lembrou que o pasado 21 de maio publicouse no DOG o anuncio polo que se someteu ao trámite de información pública o proxecto desta obra, e se solicitaron os informes sectoriais pertinentes en relación coa protección do dominio público hidráulico e coas actuacións que afectan á zona de policía. Tamén aclarou que “a data de hoxe estase á espera de recibir o correspondente informe dos organismos afectados, coa fin de poder continuar coa tramitación deste proxecto”.
O deputado tamén explicou que o alcalde de Baralla xa informou no Pleno municipal das características da obra e das xestións feitas ante o Xunta de Galicia para conseguir a redacción deste proxecto.
PIDEN EN SANTIAGO O QUE NEGAN DESDE MADRID
O deputado popular lamentou, finalmente, que a negativa do Goberno de España a achegar fondos europeos para este obra “supoña retrasala no tempo”, pero explicou que a Xunta de Galicia ten intención de executar esta actuación, “aínda que necesita, en primeiro lugar, os informes sectoriais que permitan aprobar o proxecto e, despois, lograr o financiamento necesario”.
Balseiro acusou ao PSOE de intentar “enganar á veciñanza, posto que reclama no Parlamento o que o seu partido nega desde o Goberno de Madrid”. Tamén sinalou que “é unha mágoa que o Goberno de España non permita destinar estes fondos europeos de mobilidade a actuacións, como a mellora desta estrada, sobre as que hai consenso e que todos coincidimos son necesarias para a vertebración territorial galega”