Santiago, 2 de decembro de 2021.- O Parlamento galego insistiu hoxe por unanimidade, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, na necesidade que a Xunta siga liderando o proceso de defensa da designación do topónimo Ría de Ribadeo, presentando o recurso correspondente contra a resolución do Instituto Xeográfico Nacional que establece o mesmo nivel de oficialidade ao topónimo Ría do Eo, contradicindo o principio da ONU de topónimo único de obrigado cumprimento para España.
O deputado popular Daniel Vega manifestou que, “ademais dun sentimento, defendemos o topónimo de Ría de Ribadeo baseado en informes técnicos”, como o elaborado en 2006 pola Comisión de Toponimia de Galicia, que agora se volveu a remitir completado con achegas documentais e filolóxicas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, do Consello da Cultura e do grupo de investigación Análise Territorial da Universidade de Santiago.
“A denominación Ría de Ribadeo é a máis antiga para esta ría, ademais de ser a xeral na cartografía de todos os tempos, desde o século XVI ata a actualidade”, explicou Daniel Vega. Así mesmo, apuntou que as rías “non reciben o nome dos ríos que lles achegan auga, senón daquela vila que antes ou mellor consolidou porto de mar”. “Se as rías levasen o nome dos ríos que nelas desembocan, na ría de Ribadeo fano catro: o Eo, o Suarón, o Monxardín e o Grande”, dixo.
EVITAR CAMBIO INNECESARIO DE NOMES
Por último, o deputado popular afirmou que a propia Comisión de Expertos e Nomes Xeográficos da ONU, da que forman parte, en representación de España, membros do Instituto Xeográfico Nacional, manifesta que por normalización internacional dos nomes xeográficos enténdese a actividade encamiñada a lograr unha forma escrita única de cada nome xeográfico da terra, ao tempo que a primeira Conferencia das Nacións Unidas sobre a normalización dos nomes xeográficos recomendou que “se evite o cambio innecesario de nomes”.
“Por todo isto, desde o PPdeG reiteramos que Ría de Ribadeo debe ser a única denominación oficial, para o que a Xunta debe insistir en todos os estamentos estatais e internacionais competentes para que se manteña este topónimo en exclusiva nos documentos e cartografía onde xa figura actualmente ou a substitución do topónimo Ría do Eo polo de Ría de Ribadeo naqueles que optaron por esta denominación”, demandou Daniel Vega.