Santiago, 15 de decembro de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro avogou hoxe no Parlamento porque a Xunta busque as ferramentas axeitadas para desenvolver unha estratexia de conservación, restauración, promoción e dinamización das pesqueiras do río Miño, en colaboración coa AECT río Miño; cos concellos de Arbo, As Neves, Salvaterra e Crecente; e co tecido social relacionado co patrimonio e a actividade pesqueira.
José Luís Ferro explicou que a declaración como ben de interese cultural (BIC) das pesqueiras do río Miño “non supón un deber de conservación que non corresponda co dos bens catalogados”. “Polo tanto, non é a mellor resposta para promover o desenvolvemento de plans de dinamización ou de promoción destes enclaves, nin ter consecuencia legal sobre os plans educativos ou os turísticos”, apuntou.
Así mesmo, o deputado popular lembrou que as pesqueiras do río Miño “integran o patrimonio cultural de Galicia e poderán ser clasificadas como BIC sempre que conserven de forma suficiente a súa integridade formal e construtiva, así como os aspectos característicos que determinan a súa autenticidade”.