Santiago, 16 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, a través da que se solicita ao Goberno de España e ao Concello de Vigo que realicen as obras necesarias que melloren os accesos dende a AP-9 ata o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).
Pedimos ao Concello de #Vigo que mellore os accesos ao @Ifevi Unha vez máis. O @PSdeG vota en contra e o @obloque abstención. Non nos cansaremos de facelo ??? pic.twitter.com/FOjcfzmkR9
— Teresa Egerique Mosquera (@temtem23) December 16, 2021
A deputada popular Teresa Egerique lembrou “o éxito da última edición da feira Conxemar, que contou con 480 expositores e empresas procedentes de 26 países diferentes”, pero lamentou que “unha vez máis formáronse retencións e atascos á hora de acceder ao Ifevi”.
MESMOS PROBLEMAS CON GRANDES FEIRAS
“Os deputados do Grupo Popular levamos tempo reclamándolle ao Goberno de España e ao Concello de Vigo que se melloren os accesos ao Ifevi para evitar os mesmos problemas de colapso que se orixinan cando se celebran feiras neste recinto tan importantes como Navalia ou Conxemar”, sinalou Egerique.
Neste sentido, lamentou que o alcalde de Vigo “foi incapaz en 14 anos de mellorar os accesos ao Ifevi, nin tan sequera están contemplados no Plan Xeral”, e apuntou que “polo menos debería ampliar un carril á Avenida do Tranvía, desde a saída da AP-9 ata a glorieta do aeroporto, porque ese vial municipal se colapsa xerando retencións que chegan ata a autopista”.
“Esta deixadez do Concello de Vigo contrasta coas ampliacións realizadas pola Xunta en 2005 e 2018 no Instituto Feiral de Vigo para atender as diferentes demandas de espazo, executando na actualidade unha terceira ampliación”, salientou a deputada popular. En total, a Xunta investirá máis de 23 millóns de euros neste recinto feiral unha vez se rematen as obras actuais de ampliación.