A vicesecretaria de Igualdade dos populares galegos, Raquel Touriño, denuncia o fariseísmo e o feminismo de pancarta do PSdeG
A vicesecretaria de Igualdade do PPdeG, Raquel Touriño, pediu ao secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e á presidenta dos socialistas galegos e da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, que se posicionen publicamente e esixan o cesamento da concelleira de Vilaboa que declarou publicamente: “Voy a poner la minifalda para sacar a los hombres del bar y traerlos a misa”.
Touriño denuncia así o feminismo de pancarta do PSOE en Galicia que, por unha banda afirma que a loita pola igualdade é responsabilidade de toda a sociedade e máis especialmente dos cargos públicos, que son os que deben garantir e promover o cumprimento das leis de igualdade, “co que concordamos absolutamente”; pero por outra “actúan precisamente no sentido contrario, mostrando o fariseísmo dun PSdeG que non predica precisamente co exemplo”.
En palabras da vicesecretaria, “a concelleira de Vilaboa tira por terra o suposto feminismo do PSOE de Carmela Silva cunha frase demoledora para as mulleres e a loita contra a cosificación, infravalorando tamén aos homes e dando a entender que unicamente se moven segundo o corte dunha saia”.
Cómpre resaltar que esta edila socialista, que forma parte do goberno local de Vilaboa desde 2003, tamén oficia actos relixiosos e, neste marco, xorden as súas polémicas declaracións, unhas palabras que “fraco favor lle fan á muller e á igualdade”, sentencia Touriño.