O Xacobeo 21·22 debe ser un poderoso motor de recuperación socioeconómica para Galicia que aproveite os recursos de cada lugar para achegar riqueza a todo o territorio. Todo isto, impulsando a cohesión e primando a sustentabilidade, a excelencia, a calidade e a diversidade de públicos, factores que xa veñen caracterizando ao turismo galego dos últimos anos.
Para apoiar ao sector neste obxectivo, o 17 de marzo do 2021 a Comisión 6ª Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento de Galicia acordou solicitar ao Goberno de España “a ampliación do programa de apoio ao Xacobeo 2021 mediante desgravacións fiscais ata o 31 de decembro de 2023”. Este texto contou cos votos favorables do PPdeG, do BNG e inexplicable abstención do PSdeG.
Uns meses despois, o 28 de setembro de 2021, debateuse a mesma iniciativa a instancias do Partido Popular na Comisión de facenda e función pública do Congreso dos Deputados e resultou aprobada, desta vez, co voto favorable do PSOE.
A pesar destes acordos o Goberno do Estado non incorporou a ampliación das desgravacións fiscais ao Xacobeo ao proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para
2022, e mesmo de xeito totalmente incomprensible o grupo socialista e mais os grupos políticos que apoian ao Goberno de Pedro Sánchez rexeitaron a emenda presentada neste senso polo Grupo Popular na tramitación parlamentaria dos Orzamentos Xerais do Estado para 2022.
O Grupo Parlamentario Popular ten presentado a mesma emenda ao proxecto de lei pola que se modifican a Lei 38/1992, de 28 de decembro, de impostos especiais, a Lei
3 de 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido e a Lei 9/2011, de 10 de maio, de taxas consulares, actualmente en tramitación na Comisión de Facenda e Función Pública do Congreso. Unha nova oportunidade na que esta demanda debe ser atendida.
Polo exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei para o seu debate en pleno:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
Solicitar ao Goberno de España que atenda á vontade manifestada tanto polo Parlamento de Galicia como polo Congreso dos Deputados, e amplíe o programa de apoio ao Xacobeo mediante a extensión das desgravacións fiscais ata o 31 de decembro de 2023”.