Desde o Grupo Parlamentario Popular entendemos que a paralización da produción de aluminio primario na planta de Alcoa San Cibrao durante dous anos non é boa noticia para a Mariña de Lugo, e evidencia as consecuencias dunha política enerxética do Goberno de España totalmente equivocada, que está xerando o desmantelamento de tecido industrial e empresarial, afectando de maneira especial a Galicia e a determinadas comarcas, como esta, polo peso específico que teñen na economía e no emprego as grandes empresas electrointensivas.
Segundo o Barómetro Enerxético de publicado por AEGE, ó prezo eléctrico final que paga a industria electrointensiva en España sitúase, nesta semana, en 121,19€/MWh, mentres que as súas competidoras pagan menos da metade en Francia,50,90 €/MWh, e un 42% menos en Alemaña, 85,33€/MWh). Para entender o impacto que ten este sobrecusto en empresas siderúrxicas, metalúrxicas e químicas, entre outras, basta con recordar que a enerxía pode chegar a supoñer o 60% dos costes totais.
Polo tanto, é momento de que Goberno de España e Alcoa se impliquen realmente para reactivar as cubas canto antes – se é en 2022 mellor que en 2024 – adoptando as medias necesarias para poder contar cun prezo eléctrico competitivo e levar a cabo os investimentos comprometidos para reactivar a única planta en España que produce aluminio primario..
Polo exposto, os deputados e deputadas asinantes, formulan a seguinte proposición non de lei en Pleno:
O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
1) Demandar un compromiso claro por parte do Goberno de España e de Alcoa que garanta a reactivación da planta de San Cibrao canto antes, así como a participación do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico en todas as reunións da comisión de seguimento constituída tras o acordo acadado entre a empresa e os traballadores, como departamento responsable de establecer un marco enerxético competitivo que garanta o futuro da produción de aluminio primario.
2) Seguir traballando co mesmo espírito construtivo ao lado dos traballadores e achegando os apoios necesarios.
3) Adoptar as medidas oportunas para considerar como iniciativas empresariais prioritarias os proxectos regulados na Lei 8/2009, de 22 de decembro, que conten con permiso de acceso e conexión firme e vixente, cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo, garantindo polo menos o 50% do consumo de enerxía, cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma galega, vinculando estes proxectos ao centro de traballo determinado do que se trate.