Iniciativa sobre a demanda do Goberno galego ao Goberno español para que concrete a planificación que ten prevista para a adecuación dos anchos de vía ferroviaria existentes no interior de Galicia
O pasado día 14 de xaneiro celebrouse en Ourense un foro sobre o AVE Madrid- Ourense no que, baixo o título ‘Un camiño a Galicia: desafíos e oportunidades’, se analizaron polo miúdo as potencialidades que para o turismo e para a competitividade económica de Galicia suporá a chegada a esa cidade, o pasado 21 de decembro, da alta velocidade ferroviaria.
No encontro, promovido pola Xunta de Galicia, tamén se abordaron os retos futuros e identificáronse as infraestruturas prioritarias que aínda están pendentes para que o AVE sexa tamén unha realidade no resto das cidades galegas.
Unhas prioridades que pasan por dotar a Galicia de trens Avril de ancho variable, que permitan que a alta velocidade ferroviaria chegue tamén a cidades como Santiago, A Coruña, Pontevedra ou Vigo, cumprindo os tempos de viaxe comprometidos; pola modernización da rede ferroviaria que permita achegar a alta velocidade a cidades coma Lugo e Ferrol; ou por outras actuacións necesarias, como pode ser a adecuación do ancho de vía na rede ferroviaria interior de Galicia, especialmente na liña entre Ourense e Santiago.
A adecuación desta conexión ferroviaria entre Ourense e Santiago ao ancho internacional permitiría, entre outras cuestións, minimizar a dependencia da nosa Comunidade do material rodante singular como son os trens Avril de ancho desprazable; faría máis atractiva a liña a novos operadores, o que permitiría ter unha maior competencia, con máis frecuencias e menos custo dos billetes; e tamén implicaría mellores tempos de conexión, o que beneficiaría a toda Galicia.
Polo exposto, e tendo en conta que a adecuación ao ancho de vía internacional da liña ferroviaria entre Ourense e Santiago é algo que avalan os expertos ferroviarios e que esa liña xa se dispuxo con travesas polivalentes, o que simplifica o cambio a ancho internacional, dende o Grupo Parlamentario Popular consideramos necesario presentar esta proposición non de lei para o seu debate en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a pedir ao Goberno español que concrete a planificación que ten prevista para a adecuación dos anchos de vía ferroviaria existentes no interior de Galicia, especialmente para adaptar a conexión entre Ourense e Santiago ao ancho de vía internacional, tendo en conta os beneficios que iso suporía en canto a maior competencia de operadores e para o conxunto de Galicia”
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002575