Iniciativa sobre as actuacións da Xunta de Galicia perante o Ministerio de Xustiza para a convocatoria dos procesos de selección de persoal ao servizo da Administración de xustiza
Segundo se indica no dito Real decreto, dáse así resposta ás necesidades previamente analizadas nos distintos ámbitos, nomeadamente no eido da Administración de xustiza, sinalando que “a oferta de emprego público define e cuantifica os efectivos en funcións das necesidades e prioridades derivadas da planificación xeral dos recursos”
Concretamente, no que atinxe as prazas autorizadas de persoal ao servizo da Administración de xustiza dos corpos de médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa, e mais auxilio xudicial, ascenden a 1.339 prazas, das cales 976 son prazas que corresponden a comunidades autónomas con traspaso de medios persoais, segundo se determina no anexo II.
Os indicados funcionarios da Administración de xustiza integran corpos nacionais que, cando están destinados en Galicia, son xestionados pola Xunta logo do traspaso de funcións realizado polo Estado no ano 1998. Esta condición de pertenza a corpos de carácter nacional deriva en que a oferta de emprego público e mais as convocatorias de procesos selectivos, corresponda ao Goberno central a través do Ministerio de Xustiza para todo o territorio do Estado.
Por isto, e dada a taxa de interinidade actualmente existente no dito persoal funcionario en Galicia, cómpre que o Ministerio de Xustiza proceda o máis axiña posible á convocatoria das correspondentes prazas e á axilización dos procesos delas dimanantes.
Por iso, desde este Grupo Parlamentario, presentamos a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a urxir ao Ministerio de Xustiza que proceda canto antes á convocatoria das prazas correspondentes aos corpos de médicos forenses, xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa, e mais auxilio xudicial, e á axilización dos procesos delas dimanantes, co obxectivo de acadar o maior grado de profesionalización posible reducindo a taxa de interinidade na Administración de xustiza en Galicia”.
Rexistro Iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002080