Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para que continúe afondando na promoción da calidade alimentaria galega
En decembro do pasado ano 2021, asistimos á presentación da sección “Galicia Calidade Alimentaria”, dentro da recoñecida marca institucional do Goberno galego, Galicia Calidade. Unha sección específica que ampara todas as producións alimentarias de calidade diferenciada, co gallo de fomentar o bo facer secular e a excelencia dos nosos produtos alimentarios.
Así mesmo, esta sección “Galicia Calidade Alimentaria” viña precedida da I edición da Mostra de Calidade Alimentaria de Galicia, un evento no cal se enmarcaron diferentes actuacións como son os premios Exceleite –recoñecemento expreso á calidade hixiénico sanitaria dos produtores de leite de vacún cru–, a entrega de galardóns das Catas dos queixos e meles 2021 –premiando aos mellores produtores nestes ámbitos– e incluso a presentación do Market Place de calidade alimentaria –un portal no que comprar e vender produtos da calidade diferencia de Galicia–.
Neste respecto, a I Mostra de Calidade Alimentaria tamén foi o seo de presentación da campaña de promoción “Galicia etiqueta calidade”. Unha iniciativa que se enmarca como o punto de partida de “Galicia Calidade Alimentaria” para consolidar a Galicia como potencia alimentaria.
Nesta liña, todos os galegos e galegas somos conscientes da calidade alimentaria coa que gozamos na nosa comunidade, e temos que ser igualmente conscientes da importancia que posúe o feito de levar a cabo actuacións que, como as emprendidas ata o momento polo Goberno galego, permitan poñer de relevo todo o traballo e o esforzo que supón a elaboración de produtos excepcionais.
En definitiva, actuacións como “Galicia Calidade Alimentaria”, que amosen o compromiso da Xunta e, por extensión, da cidadanía galega a prol dos grandes xeradores da calidade, dos nosos gandeiros, agricultoras, apicultores, viticultoras, bodegueiros, queixeiras, mariñeiros, mariscadoras, acuicultores.
Por todo o exposto, desde o Grupo Parlamentario Popular, cremos que é imperativo continuar incidindo na materialización de proxectos que fomenten a calidade das nosas producións alimentarias. Todas as ferramentas de crecemento coas que xa conta o sector, como é o caso das estratexias sectoriais ou a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, han de vir consolidadas pola valorización e a promoción da excepcionalidade dos nosos produtos.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia para que continúe afondando na promoción da calidade alimentaria galega por medio do desenvolvemento de actuacións que impulsen a nivel nacional e internacional os produtos galegos de calidade diferenciada”.
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002589