Iniciativa sobre a demanda por parte da Xunta de Galicia ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación de simplificación dos procesos formativos e homologación das titulacións do sector pesqueiro
O Real Decreto 36/2014, do 24 de xaneiro, polo que se regulan os títulos profesionais do sector pesqueiro, traspón á lexislación española o Convenio internacional sobre normas de formación titulación e garda para o persoal dos buques pesqueiros, 1995 ( STCWF/1995), recollendo os requisitos para a obtención dos títulos, as atribucións dos mesmos nos buques de pesca, as súas capacidades en buques de acuicultura, os referendos de títulos doutros países e unha ampla variedade de asuntos relativos aos títulos de pesca.
Por outro lado, a Lei Orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das Cualificacións e da Formación Profesional, ten por obxecto a ordenación dun sistema integral de formación profesional, cualificacións e acreditación, que responda con eficacia e transparencia ás demandas sociais e económicas a través das diversas modalidades formativas.
Ademais, a disposición final terceira o Real Decreto 36/2014, de 24 de xaneiro, autoriza ao Ministro de Agricultura, Pesca y Alimentación para ditar as disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento de dito real decreto.
Queda claro, pois, que as competencias básicas de ordenación nesta materia corresponden ao Ministerio competente en pesca, tal é como queda establecido no artigo 42 da Ley 3/2001, de 26 de marzo, de Pesca Marítima del Estado, que sinala que o Goberno central, a proposta do Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, regulará as titulacións dos profesionais do sector, no marco do sistema educativo xeral, establecendo os requisitos de idoneidade e as atribucións profesionais correspondentes a cada título, sen prexuízo das competencias do Ministerio de Fomento ou competente en materia de mariña mercante.
Con esta base, hai ben poucos día demandábase da Xunta de Galicia “reducir carga administrativa” e “simplificar” o acceso ao proceso de formación, así como, “a homologación de titulacións”, alén de instar ao Goberno galego a coordinarse coas demais comunidades autónomas e co Ministerio para a homologación das titulacións das escolas náutico-pesqueiras.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular, presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que, coordine con todas as comunidades autónomas a simplificación dos procesos formativos e a homologación de titulacións do sector pesqueiro”
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Expedientes/11/PNC-002691