Santiago, 4 de abril de 2022.- A deputada do Grupo Popular Teresa Egerique demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Goberno de España inclúa na planificación da Rede Eléctrica de España para 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de moi alta tensión, así como a construción dunha nova subestación no polígono de Balaídos para atender as necesidades de subministro de Stellantis e o resto da industria da automoción.
Así mesmo, pediu converter o Perte do vehículo eléctrico e conectado nunha ferramenta na que sustentar a transformación do sector da automoción, que permita garantir a continuidade de Stellantis en Vigo e a súa posición como primeiro fabricante de España.
Teresa Egerique afirmou que “non queremos beneficio a costa dos prexuízos doutros”. “O único que pedimos é igualdade e o que nos pertence, pero Pedro Sánchez nolo nega coa complicidade do alcalde de Vigo e do BNG”, sinalou.
SUBESTACIÓN PLANIFICADA POLO GOBERNO DO PP
“Están en xogo 11.000 empregos e o futuro da industria da automoción en Galicia, cunha ambiciosa estratexia de electrificación que permitiría que en 2025 Stellantis tivese unha gama completamente electrificada e que precisa para garantir o seu futuro”, apuntou.
A deputada popular lembrou que esa subestación de moi alta tensión estaba incluída na planificación da rede eléctrica 2023-2026 cando gobernaba o Partido Popular, “pero Pedro Sánchez retirouna e non fan caso ás peticións que estamos a facer desde o Partido Popular, provocando que Stellantis corra un gran risco se non se tomar cartas no asunto e se non se toman decisións importantes”.
Deste xeito, lamentou que o BNG defenda unha moción no Pleno “moi lonxe da realidade e nun contexto diferente, sen ter presente que o actual Goberno de España despreza e ignora ao sector da automoción en Galicia e, en xeral, a todo o sector industrial galego”.