Santiago, 7 de abril de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o BNG, unha proposición non de lei a través da que se reclama ao Goberno de España a dotación de recursos extraordinarios a disposición das comunidades autónomas e as entidades locais para unha correcta atención ás persoas desprazadas, así como a promover a súa inclusión social e facilitarlle acceso ao emprego. Así mesmo, demándase que a Xunta cree unha oficina de apoio, asesoramento e acompañamento de persoas refuxiadas e demandantes de asilo que cheguen a Galicia.
A proposición non de lei inclúe, ademais, a solicitude para que o Goberno de España elabore, en coordinación coas comunidades autónomas, un plan de acollida para persoas refuxiadas que contemple, entre outras, medidas de apoio xurídico, programas sociolaborais, educativos, sanitarios, medidas de apoio psico-social, con especial atención a colectivos vulnerables como mulleres, persoas con discapacidade e menores de idade, que, unha vez aprobado, será desenvolvido e implementado pola Xunta no ámbito das súas competencias
GALICIA ATENDE AS SÚAS OBRIGAS
O deputado popular Alberto Pazos subliñou que o Goberno galego está a desenvolver as súas obrigas en base a tres principios básicos: apoio político a Ucraína fronte á invasión rusa, máxima lealdade institucional co Goberno de España e colaboración e coordinación coas administracións públicas para acoller aos refuxiados ucraínos.
Deste xeito, concretou que a Xunta dispuxo de 1.400 prazas de acollida para os refuxiados ucraínos, así como 432 camas hospitalarias distribuídas nas sete áreas sanitarias. Ademais, o Goberno galego adoptou medidas no ámbito das súas responsabilidades comprometendo recursos materiais e financeiros, ao tempo que creou o Comité galego ante a crise de Ucraína e participou nas xuntanzas do Comité técnico constituído pola Delegación do Goberno.
APOIO DOS SOCIOS AO GOBERNO DE ESPAÑA
Alberto Pazos reiterou a demanda ao Goberno central para a creación dun Plan Nacional de acollida a persoas refuxiadas, para o que incidiu que “terá a total colaboración tanto da Xunta como do PPdeG”.
“O que nos gustaría é que, ante unha violación tan flagrante da legalidade internacional, o Goberno de España tivera tamén o apoio dos seus socios de investidura, algo que non está a pasar”, lamentou o deputado popular, quen afeou a “tibia actitude do BNG ante a comparecencia no Congreso do Presidente de Ucraína”.