Iniciativa sobre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para demandar ao Ministerio de Educación e Formación Profesional a rectificación da esixencia para o acceso ás bolsas para o alumnado con necesidades educativas especiais e con necesidades específicas de apoio educativo
Galicia é a comunidade autónoma do Estado con maior porcentaxe de alumnado con Necesidades Educativas Especiais integrado en centros ordinarios, tal e como se recolle nas últimas estatísticas do Ministerio de Educación.
Isto é posible grazas á colaboración da Administración educativa galega e o conxunto da comunidade educativa. É posible tamén grazas ao traballo que desenvolven os preto de 4.000 profesionais especializados na atención ao alumnado con necesidade específica de apoio educativo, un 22% máis que hai seis anos, e ao conxunto do profesorado, que entendeu a realidade da diversidade de todas as alumnas e os alumnos, prestándolles a atención que necesitan.
Así mesmo, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade está poñendo en marcha iniciativas para visibilizar o traballo dos centros no fomento da igualdade e o apoio á diversidade. Nesta liña enmárcase o Premio de Boas Prácticas Inclusivas, un galardón que foi creado co obxectivo de impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas de inclusión que se realizan nos centros docentes así como recoñecer o labor que, neste sentido, está a desenvolverse actualmente nos centros educativos.
A Xunta de Galicia, dentro das súas competencias, está dando novos pasos de cara unha actualización da normativa do Decreto 229/2011 polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros educativos na comunidade autónoma, co obxectivo de dar unha resposta axustada á realidade de cada alumno, ás súas necesidades e aos seus talentos, camiñando cara unha escola pensada desde a perspectiva do alumnado e co apoio do conxunto da sociedade.
A aposta pola atención a diversidade no ensino galego vaise ver afectada por unha decisión do Goberno socialista no Estado, xa que o Ministerio de Educación ten modificados os criterios das bolsas que permitía contar cunha axuda a unha boa parte do alumnado con necesidades educativas.
Resulta chamativo que o Ministerio de Educación xustificase a aprobación da LOMLOE para fomentar unha maior inclusión no sistema educativo e un reforzo da atención á diversidade. Por contra, o departamento educativo estatal modifica agora os criterios das bolsas para alumnos con necesidades educativas especiais, esixindo que o alumnado teñan que ter recoñecida a súa discapacidade ou diagnóstico de trastorno de aprendizaxe como grave para poder optar á axuda .
Así pois, o Goberno central fala moito como suposto defensor da inclusión no ensino, pero despois actúa de xeito contraditorio ao dificultar o acceso nas bolsas para o alumnado con necesidades educativas especiais. De forma sorpresiva, o Ministerio de Educación vén de endurecer os requisitos das axudas pedindo que os beneficiarios teñan un nivel elevado de discapacidade ou trastorno, de xeito que miles de alumnos quedan excluídos das bolsas para atender as necesidades educativas (como é o caso dos diagnosticados con déficit de atención e hiperactividade ou dislexia).
Por todo o exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta a Xunta a que demande ao Ministerio de Educación que rectifique a súa esixencia para o acceso ás bolsas para alumnado con necesidades educativas especiais e con necesidades específicas de apoio educativo, de xeito que recupere e mellore os criterios para facilitar a súa concesión e propiciar que as familias e o alumnado poida ter un mellor acceso a unha atención educativa e social que contribúa á súa inclusión real”.
Rexistro: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/RQopXSvQpsO7t5rC_nDlMpHt7-UhQX2K5Uqeyj6spjQ=