Santiago, 27 de abril de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno de España que rectifique e inclúa na planificación de Rede Eléctrica de España para 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de moi alta tensión e a construción dunha nova subestación no polígono de Balaídos para atender as necesidades de subministro da industria, demostrando así o seu compromiso con esta comarca e a automoción viguesa.
Así mesmo, a iniciativa aprobada pide que o Goberno central converta o PERTE do vehículo eléctrico e conectado nunha ferramenta na que sustentar realmente a transformación do sector da automoción con criterios xustos e transparentes, de xeito que se poida garantir a continuidade de Stellantis en Vigo e a súa posición como primeiro fabricante de España a través de axudas que faciliten o acceso ás novas plataformas e aos modelos eléctricos, o que repercute na industria auxiliar galega directamente e en miles de empregos asociados.
A deputada popular Teresa Egerique manifestou que “a cidade de Vigo quere camiñar cara ao futuro desde a industria e a innovación, pero ten que sobrevivir cun sistema eléctrico precario e anticuado, que non da para máis”. En concreto, indicou que “a exclusión de Vigo da planificación de Rede Eléctrica Española para os anos 2021-2026 será un freo ao crecemento da cidade, non só ata 2026 senón máis alá”.
“Será unha década perdida na que se poderían dar grandes avances de conseguir que Vigo tivese unha conexión eléctrica fiable e á altura dunha cidade industrial, na que se asenta a fábrica de vehículos de maior produción de España”, lamentou.
Teresa Egerique criticou que “o PSOE estea xogando co crecemento dos sectores estratéxicos de Vigo, polo que é necesario que desde este Parlamento lle pidamos que espabile e que responsa ás nosas peticións, que teñen como obxectivo, como mínimo, manter o que temos e que non nolo arrebaten”. “Non queremos beneficios a costa dos prexuízos doutros, só queremos igualdade e que non poñan escusas de criterios técnicos e científicos, cando son políticos”, apuntou.
INFRAESTRUTURA ESTRATÉXICA
Respecto da subestación de Balaídos, a deputada popular subliñou que “é unha infraestrutura estratéxica para o futuro da automoción en Vigo e en Galicia, chamada a beneficiar tamén a competitividade do resto da industria viguesa, así como mellorar a calidade do servizo que se ofrece aos fogares da cidade”.
Neste sentido, lembrou que esta subestación “era un proxecto comprometido na programación anterior aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy e que o Goberno de Pedro Sánchez gardou nun caixón tras chegar á Moncloa en 2018 e que agora tira ao lixo definitivamente porque, ademais de negarnos a subestación, néganos o PERTE”.
“Vigo é a única cidade española sen conexión de moi alta tensión, esencial para dotar á industria de subministro eléctrico estable, eficiente e competitivo, porque non podemos ser competitivos con cortes de electricidade constantes”, sinalou