Santiago, 2 de maio de 2022.- O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, vén de propoñer esta mañá ao Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, que o deputado e vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda Valenzuela, sexa o candidato á investidura como novo Presidente da Xunta, unha vez ten formalizada a renuncia o actual Presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo.
Seguindo o establecido nos artigos 15 do Estatuto de Autonomía de Galicia e 136 do Regulamento do Parlamento galego, Pedro Puy comunicou a Miguel Santalices esta proposta formalizada co apoio unánime dos 42 deputados do Grupo Parlamentario Popular, que se reuniron o pasado venres.
Pedro Puy salientou a “importancia institucional que ten neste momento o Parlamento de Galicia, que recupera o seu rol esencial no conxunto institucional da Comunidade autónoma. “O simbolismo de que actos como que o Presidente da Xunta teña que presentar a súa renuncia diante do Presidente do Parlamento ou o feito de que sexamos os grupos parlamentarios os que propoñemos un candidato e os que votaremos quen vai ser o novo Presidente da Xunta, está na esencia do noso sistema democrático baseado na representación parlamentaria”, subliñou.