Santiago, 6 de maio de 2022.- A deputada do Grupo Popular Cristina Sanz urxiu hoxe no Parlamento galego que o Goberno central aprobe os PERTE pendentes e as bases das axudas correspondentes a cada un deles, xa que as empresas deberán estudar e presentar os proxectos e o Goberno do Estado deberá analizalos e resolvelos antes do vindeiro 31 de decembro de 2023. “Ogallá me equivoque, pero a experiencia en xestión de fondos europeos lévame a pensar que co procedemento establecido polo Goberno de Pedro Sánchez imos deixar de percibir unha moi importante cantidade de recursos, tan necesarios para as nosas empresas”, sinalou.
Cristina Sanz criticou que os socialistas galegos “defendan iniciativas no Parlamento galego para disimular e desviar a atención pola a falta de acción do Goberno de España ante a crise actual, porque familias e empresas séntense abandonadas polo Goberno de Pedro Sánchez e Moncloa parece ter outras prioridades, como xogar aos espías ou conservar entre liortas o goberno máis amplo e caro da nosa historia reciente”.
GOBERNO COMPROMETIDO
“Se existe un Goberno comprometido co apoio das empresas galegas, en especial ás de pequeno e mediano tamaño, pero tamén a todas aquelas que asumen o reto de competir no mercado exterior, ese é o Goberno galego”, salientou a deputada popular.
En concreto, referiuse ás medidas postas en marcha nos ámbitos da apertura de mercados internacionais e a dotación de liquidez, que permitiron que na actualidade as empresas galegas estean a bater rexistros en exportacións ou balanza comercial.
“Estes resultados son froito do traballo, da capacidade, do esforzo, da visión e do talento das nosas empresas, pero tamén do apoio da Xunta, que leva anos considerando a internacionalización como un dos piares sobre o que basear o desenvolvemento económico de Galicia e ao que dirixir boa parte das iniciativas e recursos”, manifestou.
A deputada popular explicou que un dos obxectivos da Estratexia de internacionalización 2021-2025 da Xunta é a diversificación dos mercados en destino, co obxectivo de multiplicar por tres as exportacións a América do Norte, duplicar as vendas en América do Sur e Asia, e incrementar en máis dun 25 por cento as dirixidas ao Reino Unido.