Santiago, 20 de maio de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que foi transaccionada co Grupo Socialista, a través da que se solicita ao Goberno do Estado que, consonte ao plan de descentralización do IEO impulsado polo Ministerio de Ciencia, Galicia, e nomeadamente Vigo, sexa a sede central do Instituto Español de Oceanografía, especialmente das áreas dedicadas á pesca e a acuicultura. Para iso, e previa apertura do proceso por parte do Goberno central, a Xunta, dentro das súas competencias, debe de levar a cabo cantas actuacións sexan precisas, para acadar que Vigo sexa a sede central do IEO.
A portavoz popular do Mar, Teresa Egerique, lamentou a “nefasta xestión que está a facer o Goberno central do Instituto Español de Oceanografía e a dramática situación económica na que se atopa, malia a súa integración no Consello Superior de Investigacións Científicas”. En concreto, lembrou que “levamos tres anos defendendo a necesidade de recuperar o potencial do IEO e esixindo o seu saneamento económico, polo que xa dixemos que esta integración non era a solución”.
DISPARATE E DESPROPÓSITO REPARTO DE SEDES
“É un disparate e un despropósito o reparto de sedes que propón o Goberno central, pois supón avanzar no seu desmantelamento”, manifestou a portavoz popular, quen afirmou que “non se entende que Galicia non teña presenza nese escenario sendo a principal potencia pesqueira e acuícola de España”.
Deste xeito, criticou que “asistimos, unha vez máis, aos bandazos do Goberno central e pedímoslle que, se non se sente capacitado para manter e xestionar ben o IEO, o ceda a Galicia para poder potencialo”.