Iniciativa sobre a promoción, a través da Consellería do Medio Rural, dunha nova convocatoria de axudas para proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural
Despois de 30 anos da súa posta en marcha, o programa Leader, co seu enfoque participativo e transversal, consagrouse como unha ferramenta indispensable para dinamizar o tecido socioeconómico das áreas rurais de Galicia.
O Leader é un programa de investimento que incide basicamente en dúas cuestións: a creación de emprego no rural -sobre todo aqueles que afecten ao autoemprego e á diversificación económica- e a proxectos produtivos ou non que incidan na mellora da calidade de vida da poboación rural.
A programación para a medida Leader correspondente ao período 2014-2020 réxese polo disposto nos artigos 32 ao 35 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre disposicións comúns referidas aos fondos Feader, Feder, Fondo de Cohesión, FSE e FEMP, e polo disposto nos artigos do 42 ao 44 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
No momento actual, atopámonos cun Programa de desenvolvemento rural (PDR) prorrogado, nunha fase de transición cara un novo Leader 2023-2027.
Por iso, o Regulamento (UE) 2020/2220 do Parlamento Europeo e do Consello prorrogou a duración do período de programación 2014-2020 ata o 31 de decembro de
2022 e ofreceu aos Estados membros a posibilidade de financiar os seus programas de desenvolvemento rural prorrogados con cargo á asignación orzamentaria
correspondente dos anos 2021 e 2022.
Galicia foi unha das primeiras autonomías en garantir a continuidade dos GDRs, a través dunha addenda aos Convenios de Colaboración, existentes entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os GDRs que foi autorizada no Consello da Xunta do 3 de decembro de 2020. É importante destacar que grazas á continuidade orzamentaria desta medida garántese o funcionamento axeitado dos 24 Grupos de
Desenvolvemento Rural espallados por toda Galicia.
O PDR de Galicia 2014-2020, aprobado mediante a Decisión de execución da Comisión Europea, do 18 de novembro de 2015, prevé na ficha correspondente á medida 19 (Leader) a tramitación de subvencións a proxectos de cooperación a través da implantación de convocatorias públicas, promovidas pola Administración, na cal poderán participar os grupos de desenvolvemento rural de Galicia.
Por outra parte, o artigo 44 do Regulamento (UE) nº 1305/2013 regula a cooperación no ámbito da medida Leader, distinguindo entre a cooperación dentro dun estado membro (cooperación interterritorial) e a cooperación entre territorios de distintos estados membros ou con territorios de terceiros países (cooperación transnacional).
Neste senso, publicouse, por unha banda, a RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2018 pola que se aprobaron as bases reguladoras das axudas para a preparación e realización de proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3). E por outra, ao abeiro destas bases reguladoras publicouse unha convocatoria de axudas, mediante RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2018 pola que se convocaron subvencións para a execución de proxectos ao abeiro da submedida 19.3 para as anualidades 2018 e 2019.
A finalidade destas subvencións é fomentar a cooperación entre os GDRs galegos ou con outros grupos de España, da Unión Europea ou de terceiros países sempre que teñan intereses comúns nun determinado ámbito, para avanzar no desenvolvemento local e na aprendizaxe mutua buscando solucións conxuntas a problemas concretos.
Unha das prioridades da Consellería de Medio Rural está sendo a loita contra o abandono da terra e traballar na súa recuperación para poñela a producir e deste xeito poder xerar actividade económica, novos postos de traballo e asentamento da poboación no rural galego.
Motivo fundamental, que supuxo o impulso e aprobación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, a cal regula novos instrumentos para a posta en valor dos terreos agroforestais e a recuperación demográfica do medio rural representando unha gran oportunidade para o desenvolvemento rural do territorio galego.
O grupo parlamentario popular considera relevante que todos os GDRs galegos poidan seguir aproveitando ao máximo as posibilidades que ofrece o poder traballar na modalidade de cooperación, e sacarlle o máximo proveito as ferramentas que pon a disposición a nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia
Por iso, estamos convencidos de que sería moi positivo que a medida Leader tamén no ámbito da submedida de cooperación, contemple dun xeito prioritario a posibilidade de dar soporte a proxectos de cooperación entre os Grupos de Desenvolvemento Rural vinculados a estes instrumentos, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como son os plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.
Por todo o anterior, o Grupo parlamentario popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que, a través da Consellería de Medio Rural e ao abeiro da medida Leader (submedida 19.3), promova unha nova convocatoria de axudas para proxectos de cooperación entre grupos de desenvolvemento rural, na que se valore dun xeito prioritario aqueles proxectos que impulsen calquera dos instrumentos de mobilización ou recuperación de terras recollidos na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.”
Rexistro iniciativa: https://www.parlamentodegalicia.es/Rexistros/a97VQhPgCkktWnpyS_kv0s5STa9GgjZwk9ZXz1ZtfSk=