Iniciativa sobre a reivindicación pola Xunta de Galicia ante o Goberno central dun compromiso firme cos proxectos de cooperación transfronteiriza en materia de infraestruturas estratéxicas
O día 10 de outubro de 2020 tivo lugar en Guarda a XXXI Cimeira Hispano-Portuguesa, presidida polo Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e o Primeiro Ministro da República Portuguesa, António Costa.
Esta Cimeira puxo de manifesto, unha vez máis, o excelente estado das relacións entre España e Portugal, países cunha fronteira común. Debatéronse as cuestións máis relevantes da relación bilateral e abríronse novos espazos de cooperación.
A Cimeira celebrouse no difícil contexto da crise global provocada pola pandemia da COVID-19. O impacto de enorme magnitude desta crise salientou a importancia dunha estreita coordinación entre España e Portugal nos ámbitos da saúde, a circulación de persoas e a economía.
O tema central da Cimeira de Guarda foi a aprobación dunha Estratexia Común para o Desenvolvemento Transfronteirizo (ECDT), que fora acordada polos dous Gobernos ibéricos na última Cimeira luso-española, realizada en novembro de 2018 en Valladolid. O documento sobre a Estratexia Común de Desenvolvemento Transfronteirizo contempla cinco eixes estratéxicos, como a mobilidade transfronteiriza; a melloría das infraestruturas e da conectividade territorial; a coordinación dos servizos básicos, como a Saúde, Educación, Servizos Sociais e da Protección Civil; o desenvolvemento económico e a innovación a coordinación en materia cultural.
O Parlamento de Galicia considera son moitos os ámbitos de cooperación entre España e Portugal recollidos pola Estratexia aprobada en Guarda que non teñen un reflexo, directo ou indirecto, no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para 2021.
Consonte con todo o exposto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a:
Reivindicar ante o Goberno de España un compromiso firme cos proxectos de cooperación transfronteiriza en materia de infraestruturas estratéxicas como a saída sur de Vigo, o trazado por territorio español do AVE Vigo-Porto ou a conexión internacional transfronteiriza entre Macedo de Cavaleiros e a Gudiña, pasando por Vinhais”.