Actuacións respecto dos investimentos para a implantación de sendas peonís e ciclistas na área metropolitana de Santiago
O concello de Santiago leva tres anos perdidos no fomento da mobilidade alternativa e sostible e no desenvolvemento dos desplazamentos non motorizados nos ámbitos urbanos e metropolitanos. Os actuais responsables municipais non teñen nas súas prioridades a preparación de Compostela para os retos do futuro en todo o que respecta ao establecementos de novos sistemas de transporte que respondan ás necesidades sociais e económicas da sociedade, e que ao mesmo tempo reduzan ao mínimo as repercusións negativas sobre o medio ambiente.
Como en tantos outros eidos, Santiago segue perdendo a súa posición de vangarda tamén nas novas estratexias urbanísticas e mediambientais, onde as estatísticas, por exemplo a evolución da poboación, seguen confirmando o fracaso tantos dos plans urbanísticos vixentes como das políticas aplicadas, pouco ambiciosas, repetitivas e non adaptadas a unha cidade do século XXI.
O crecemento poboacional da área metropolitana compostelana caracterizouse por medrar nos concellos de Ames, Teo, Vedra ou Oroso conectadas por estradas tradicionais, e cunha tendencia centrífuga de asentamentos periféricos. Dende hai varias décadas non existe nin estratexia urbanística nin de vivenda no concello de Santiago que permita fixar poboación; nin unha política coordinada da área metropolitana compostelana, que chega ata case os 200.000 habitantes.
De todos os núcleos de poboación da área metropolitana compostelana sen dúbida O Milladoiro, por distancia, densidade de poboación e relacións comunitarias é o que presenta todas as características para consideralo un obxectivo estratéxico no fomento da mobilidade activa e polo tanto para a construcción dunha senda peonil e ciclista que una O Milladoiro con Santiago de Compostela.
Mellorar a calidade de vida dos veciños de O Milladoiro e Santiago a través da descarbonización da mobilidade urbana, contribuir á protección do medio ambiente e á saúde dos cidadáns satifacendo de forma eficiente as necesidades da mobilidade alternativa; así como conectar de xeito natural dous centros de poboación que xa están unidos por relacións económicas, sociais e veciñais ten que ser unha meta compartida.
Santiago está perdendo a oportunidade de vertebrar a cidade pensando no futuro, e o futuro é unha Compostela máis amable, máis humana e máis accesible paras as familias e veciños. Os actuais responsables municipais xa demostraron ao longo dos anos que non creen nesta transformación, por iso reclamamos que sexa a Xunta de Galicia quen tome a iniciativa e priorice fondos e investimentos en Santiago para construir unha rede de sendas peonís e ciclistas que conecte os principias centros e barrios da cidade.
Santiago ten que ser un referente de modernidade e vangarda, xa que a sociedade de hoxe en día non é a mesma que a de hai 30 anos, e a xestión do tráfico, o uso do espazo público ten que ser polo tanto diferente e os actuais dirixentes non teñen xa credibilidade para deseñar a cidade do futuro.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia, presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:
Priorizar os investimentos da súa Estratexia para a implantación de sendas peonís e ciclistas na área metropolitana de Santiago, e nomeadamente a vía que conecta O Milladoiro-Santiago de Compostela”.