Santiago, 17 de xuño de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a emprender todas aquelas actuacións que permitan potenciar o control da prohibición da venda a perdas mediante os mecanismos correspondentes, como o desenvolvemento e a posta en funcionamento das actuacións do observatorio de prezos e a unidade que se encargará da información e control alimentarios en Galicia.
O deputado popular Daniel Vega lembrou que “a situación do sector gandeiro é complexa polo incremento de custos de produción”. “Tendo en conta que a alimentación animal supón arredor dun 60 por cento dos custos para os gandeiros, consideramos que non só está en risco a supervivencia do sector, senón tamén pode haber un desabastecemento pola falta de cereais ou incapacidade dos gandeiros para pagar os prezos abusivos dos produtos”, indicou.
APOIO AO SECTOR
Daniel Vega salientou que “a Xunta liderou a posta en marcha de medidas concretas, pactadas co sector e respaldadas polas organizacións sindicais, como os máis de 200 millóns de euros de anticipos da política agraria comunitaria; as subvencións dos xuros; a moratoria dun ano na amortización dos préstamos; préstamos de financiamento para o capital circulante para as ganderías; ou a creación dunha axencia de información e control alimentario”.
Na súa intervención, Vega lembrou que o prezo do leite en Galicia situouse no mes de abril en 40,9 céntimos por litro, o que supuxo que os gandeiros de leite galegos viran aumentada a súa rendibilidade nun 24,51 por cento respecto ao mesmo mes do pasado ano.
Ademais, lembrou que Galicia é a principal rexión produtora de leite de España, cunhas entregas de máis de 2,9 millóns de toneladas en 2021, o que representa o 40 por cento nacional; que incrementou a produción de leite en máis dun millón de toneladas desde 2001; que o 55,7 por cento das granxas de leite de vaca de España son galegas; e que, desde o fin das cotas lácteas en 2015, a produción das granxas galegas medrou un 37,3 por cento.