A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindica a estabilidade do partido fronte aos “gobernos de experimentos” doutras formacións, como no caso de Cambados, cun tripartito no que a líder do PP local, Sabela Fole, exerce unha oposición “valente e seria”. Así o manifestou durante un mitin neste concello, no que sinalou que estas coalicións representan “a peor cara da política”, fronte ao “cambio necesario” que merece España e que virá, insiste, da man de Alberto Núñez Feijóo.
A número dous dos populares galegos apostou por Cambados e Galicia como “motor de cambio” para o 29N, no mitin no que participou xunto ao presidente de honra do PPdeG e expresidente do Goberno de España, Mariano Rajoy. Na cita tamén interveu o cabeza de lista ao Congreso pola provincia de Pontevedra, Julio García Comesaña, e a portavoz do PP de Cambados, Sabela Fole. Neste sentido, Prado agradeceu a Mariano Rajoy a súa implicación con Galicia e o seu apoio constante.
“En Cambados vemos as consecuencias deses gobernos de socios e cómplices, deses gobernos que só pensan no sillón e fan que a veciñanza perda proxectos e servizos”, sinalou Prado, lembrando que Sánchez goberna no país grazas a socios coma o BNG, que “levan sosténdoo oito anos, sen pedir explicacións e sen pedir nada a cambio para Galicia”.
Para a número dous dos populares galegos, hai que evitar que se produzan “coalicións de perdedores” como as de Cambados ou as do propio Goberno central, polo que anima aos populares a realizar un “plus de esforzo” para que o cambio en España sexa posible a partir do 29 de novembro.
Ademais, tamén fixo referencia a que despois do reto das Eleccións Xerais, tamén virá o reto dos comicios municipais, polo que “o que ocorra o 29N, tamén nos marcará o rumbo para que vilas tan fermosas como Cambados poidan volver a funcionar”.
Prado insiste en que 29N será o momento de elixir “entre decencia ou delincuencia”, lembrando que o PSOE representa a segunda opción. “Sánchez mente e amaña. A súa corrupción parece non ter fin”, dixo, lembrando as traxedias ferroviarias, a invasión de Ceuta, o caso das xoias de Zapatero ou os novos rexistros da UCO na casa de Ábalos.
Prado insistiu en que “o autor ten cómplices”, en referencia ao independentismo galego, que en oito anos de Goberno “non foi capaz de pedir explicacións nin de reclamar un trato xusto para Galicia”. Por iso, insiste, PSOE e BNG “son o mesmo perro con distinto colar”, fronte a única opción “válida e útil” para os galegos e galegas, o Partido Popular.
“Alberto Núñez Feijóo cumprirá, xestionará e reconstruirá. Feijóo representa a decencia, o rigor e a capacidade de xestión”, concluíu.
GARCÍA COMESAÑA DEFENDE Á XENTE TRABALLADORA DE CAMBADOS
Na súa intervención, o cabeza de lista ao Congreso, Julio García Comesaña, cualificou a Cambados como unha terra de xente traballadora, autónomos, comerciantes, mariñeiros produtores de viño e familias e dirixiuse a eles para pedirlles a confianza en Alberto Núñez Feijóo e o PP para deseñar un futuro cunha fiscalidade máis xusta e con medidas reais e efectivas contra a disparada inflación, de apoio aos sectores produtivos e para favorecer o acceso a unha vivenda.
«Mentres as familias teñen cada vez máis dificultades para chegar a finais de mes, o Goberno de Sánchez está a asfixiar á xente a impostos», aseverou o candidato popular, antes de concretar que nos últimos sete anos a recadación tributaria na nosa provincia medrou un 70% «sen que iso se nótase na calidade de vida, no estado da estradas, nos investimentos e en absolutamente nada, porque Cambados e a provincia están totalmente abandonados polo PSOE».
Comesaña engadiu que España precisa «a xestión e atención aos cidadáns» que representa Alberto Núñez Feijóo e advertiu de que o 29 de novembro «temos unha oportunidade extraordinaria que temos que aproveitar co voso traballo e implicación no proxecto do PP».
SABELA FOLE: “IMOS DEIXAR ESTE CICLO NEGRO ATRÁS”
Pola súa banda, a presidenta do PP de Cambados, Sabela Fole, comparou os gobernos de Sánchez e do alcalde, Samuel Lago, sinalando que «en ambos casos estamos ante executivos multipartitos nos que se atenden os seus propios intereses persoais antes que os reais da xente e que se caracterizan por unha xestión desastrosa». «No noso concello sufrimos o dobre que o resto, porque aguantamos a Sánchez e a Lago, pero nos próximos sete meses imos deixar este ciclo negro atrás con gobernos do PP en España e Cambados», concluíu.