A secretaria xeral resalta o “estilo propio de dedicación, esforzo, compromiso e traballo” de Alfonso Rueda, que foi proclamado líder dos populares galegos o pasado 22 de maio no 18º Congreso autonómico celebrado en Pontevedra
A secretaria xeral dos populares galegos, Paula Prado, salientou que os primeiros 100 días de Alfonso Rueda como presidente do PPdeG “estiveron marcados por unha única prioridade: Galicia”.
Deste modo fixo balance dun período de “transición modélica” e puxo en valor o “estilo propio” do dirixente popular, que foi proclamado líder da formación o pasado 22 de maio no 18º Congreso autonómico celebrado na cidade Pontevedra e do que resaltou a súa “dedicación, esforzo, compromiso e traballo para continuar o legado do primeiro partido de Galicia”.
Como manifestou a secretaria xeral, este estilo non só quedou reflectido nas súas tarefas á fronte da Xunta, “onde o traballo, o futuro e a familia marcaron as decisións do Goberno galego”, senón tamén no seu labor como presidente do PPdeG.
Nese senso, lembrou que a intensa actividade de Alfonso Rueda levouno a percorrer a Comunidade, participando en numerosos actos como a Romaría do Monte Castrove en Poio, o Xantar do Rural en Lugo, a Romaría Popular do Pino, o Congreso provincial de Pontevedra, os conclaves locais de Redondela e A Coruña, a celebración do Día de Galicia en Mondoñedo, o acto Día do Afiliado de Novas Xeracións en Cenlle ou o inicio de curso político en Cerdedo-Cotobade.
O PPdeG NON SE DETÉN
Paula Prado insistiu en que a formación estivo “á altura das circunstancias” e demostrou ser “un partido de unidade, responsabilidade e estabilidade”. “O Partido Popular de Galicia non se detén”, sinalou recalcando que “temos que seguir traballando para os galegos e as galegas, escoitando as súas inquedanzas coa fin de dar solución aos seus problemas e mellorar as súas vidas”.
Sobre isto, recordou que o PPdeG ten celebrado nestes últimos 100 días as comisións de Turismo, de Economía e Industria, de Cultura, de Mar, de Pequenos Concellos e de Sanidade, laboratorios de ideas que nacen para achegar propostas ás dificultades ás que se enfrontan os distintos eidos e sectores.
Igualmente, incidiu en que os populares continuarán “esixíndose máis” para encarar tres retos decisivos: a nivel local, tinguir de azul o mapa municipal para exportar aos 313 concellos o modelo de crecemento económico, estabilidade institucional e rigor na xestión da Xunta; a nivel autonómico, renovar cada día a confianza maioritaria dos cidadáns para seguir contando cun goberno que só se deba aos galegos, co presidente Rueda á fronte; e a nivel nacional, arroupar a Alberto Núñez Feijóo ata chegar á Presidencia do Executivo central nun momento no que España o necesita máis que nunca.