Solicitude ao goberno de España dun PERTE singular para destinar os fondos necesarios que permitan dar viabilidade aos proxectos industriais priorizados pola Comunidade Autónoma
Os fondos europeos Next Generation son a vacina económica que nos debe axudar a saír da complicada situación pola que atravesa a economía española e avanzar na transformación industrial a partir de tres vectores de crecemento cruciais na próxima década: sustentabilidade, dixitalización e innovación.
Unha oportunidade histórica para a que Galicia se ten preparado desde o primeiro momento, a través do traballo conxunto con expertos e o tecido produtivo galego co obxecto de presentar unha candidatura de país que, sobre a base da colaboración público-privada, aspira a obter as maiores sinerxías posibles destes fondos europeos en favor da viabilidade de proxectos tractores que axuden a consolidar e ampliar as cadeas de valor industrial estratéxicas da nosa economía, pensando especialmente nas pemes, o desenvolvemento do rural e a xeración de emprego estable e de calidade.
Esta candidatura foi presentada unha vez máis na reunión celebrada o pasado 10 de xuño entre o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a á vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, tendo en conta que o Goberno central resérvase, ata agora, a xestión íntegra dos fondos para a industria do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Neste contexto, ratificouse a boa impresión dos proxectos estratéxicos identificados en Galicia, sen embargo, a día de hoxe segue pendente a concreción dos fondos europeos necesarios que fagan posible a súa execución na Comunidade Autónoma, ocasionando un grave risco de deslocalización e perda de investimentos ante a incerteza.
Sirva de exemplo que se teñen convocado ao redor de 6.400 millóns de euros ao abeiro dos 11 PERTE aprobados polo Consello de Ministros, o que supón só un 18% do total anunciado. Unha lentitude á que se suma e discrecionalidade e a falta de transparencia amosada na xestión destes fondos ata o momento, así como a dificultade de encaixe á que deben facer fronte algúns proxectos e os seus investimentos.
Por todo o exposto, as deputadas e deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno de España un PERTE singular para destinar os fondos necesarios que permitan dar viabilidade aos proxectos industriais priorizados pola Comunidade Autónoma”.