Actuacións que debe realizar a Xunta de Galicia ante o Goberno central para acadar un proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica no ámbito da cultura
No mes de febreiro de 2022, a Xunta de Galicia convocou aos sectores culturais para iniciar un traballo de diálogo e participación no que os principais axentes da comunidade puideron presentar os seus proxectos de carácter cultural e creativo no marco dos fondos europeos.
Ao remate deste proceso de participación cidadá recibíronse máis de 80 achegas que se artellaron ao redor de 19 proxectos, cun investimento previsto próximo aos 400M€. Froito deste traballo a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades elaborou un documento de propostas que remitiu ao Ministerio de Cultura e Deporte.
O Goberno galego, cos deberes feitos, reiteraba ao responsable de Cultura do Goberno español a necesidade de poñer en marcha un PERTE da cultura en España que sirva para impulsar a transformación e a modernización deste sector nos vindeiros anos e que, ademais, recoñeza o peso e o impacto desta actividade na economía. A cultura
non pode quedar á marxe desta oportunidade estratéxica.
As achegas recibidas no proceso de participación demostraron que, en Galicia, existe un sector vivo, activo e con iniciativa. As aportacións céntranse en ámbitos como a dixitalización, a preservación documental das artes escénicas, a melloras de bens singulares e o impulso á transición dixital dos recursos do Camiño, entre outros ámbitos.
Por todo o exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei en comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitarlle ao Goberno de España a aprobación dun PERTE da cultura que contribúa ao fortalecemento do sector con especial atención ás propostas presentadas polos diferentes axentes culturais no proceso de participación cidadá, en particular as remitidas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade ao Ministerio de Cultura e Deporte”.