Santiago, 4 de outubro de 2022.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación polo Pleno do Parlamento galego dunha proposición non de lei a través da que se demanda á Xunta incrementar os labores de prevención de incendios nos espazos naturais de Galicia, sempre de forma respectuosa cos seus valores ambientais, así como establecer mapas de riscos e protocolos de actuación específicos para o caso de incendio neses espazos.
Así mesmo, pídese que se avalíe o custo de implantar pagos por servizos ecosistémicos nestas zonas naturais protexidas.
O deputado popular José Antonio Armada lembrou que “os incendios non entenden de fronteiras e moito menos das que separan os espazos naturais do resto do territorio”, polo que a loita contra lume “non pode plantexarse só para unha parte do territorio, senón que forma parte dunha política integral de loita contra os incendios forestais”.
Armada incidiu que o servizos contraincendios de Galicia “é un dos mellores do mundo” e a modo de exemplo destacou que “só 74 lumes superaron as 20 hectáreas este verán en Galicia”.
“Os incendios forestais non é o máis axeitado para facer política”, manifestou o deputado popular, quen considerou necesario “trasladar á sociedade unha mensaxe común que axude a facer desaparecer esta lacra dos nosos montes”.