Santiago, 11 de outubro de 2022.- A deputada do Grupo Popular Noelia Pérez demandou hoxe no Parlamento galego ao Goberno central que defina, comunique e poña en marcha as actuacións do programa UNICO para estender a conectividade ultrarrápida á totalidade da poboación galega e acelerar o despregamento de redes e servizos 5G, tendo en conta as particularidades do territorio galego á hora de dificultar a extensión de redes fixas.
Noelia Pérez lembrou que a cobertura con redes 4G e 5G “son esenciais e unha alternativa para acadar a plena conectividade, sobre todo naquelas zonas de difícil acceso”.
Neste sentido, explicou que a raíz da aprobación do Real Decreto 462/2015 “a capacidade de acción das comunidades autónomas neste ámbito está moi limitada, porque a quen lle corresponde a competencia é ao Goberno do Estado”.
COMPETENCIA E CAPACIDADE
“Pero é que, ademais, o Goberno central ten os instrumentos e os fondos Feder plurirexionais que veñen de Europa para a conectividade, e que están centralizados no Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital”, dixo a deputada popular. En concreto, explicou que son máis de 4.000 millóns de euros de fondos europeos que o Estado vai recibir para este fin, dos que se reserva o 91 por cento e, deste xeito, á Comunidade galega só chegarán 19 millóns de euros.
Noelia Pérez subliñou que con estes datos “queda demostrado que o Goberno de España non só ten a competencia nesta materia, senón que ten tamén unha capacidade inédita, que non tiveron outros gobernos, para dar resposta aos retos de competitividade, especialmente no ámbito rural”.
Ademais, a deputada popular explicou que “eses 19 millóns de euros que chegarán a Galicia só se poden utilizar para poñer en marcha catro medidas predefinidas polo Goberno de Pedro Sánchez: 8,6 millóns para reforzar a conectividade nos centros públicos; 4,8 millóns, para mellorar a conectividade en polígonos industriais; 4,3 millóns, para mellorar infraestruturas de telecomunicacións anteriores ao ano 2000; e 1,4 millóns, para unha axuda de 240 euros a colectivos vulnerables para a contratación de servizos de banda larga durante un ano”.
TODO EN MARCHA POR PARTE DA XUNTA
“Por parte do Goberno galego, neste momento está todo en marcha para executar os ínfimos fondos que nos deu o Goberno central para mellorar a conectividade ao territorio galego. De feito, xa se contactou con todos os concellos para informar desta situación e colaborar na identificación de centros públicos e áreas empresariais susceptibles de beneficiarse destes fondos”, apuntou.
Diante desta situación, Noelia Pérez remarcou a “necesidade de que o Goberno de Pedro Sánchez poña en marcha as actuacións do programa ÚNICO para estender a conectividade ultrarrápida á totalidade da poboación galega e acelere o despregamento do 5G, ao tempo que estableza un procedemento para coñecer con exactitude o estado da conectividade no territorio”.