Santiago, 18 de outubro de 2022.- A deputada do Grupo Popular Elena Suárez salientou hoxe no Pleno do Parlamento galego que a Xunta facilitou nos últimos dez anos a rexeneración de máis de 15 millóns de metros cadrados de bancos marisqueiros e a sementeira de máis de 200 millóns de unidades de semente de ameixa. Porén, criticou “o bloqueo das administracións socialistas” á hora de executar obras de saneamento en diversos concellos galegos, como é o caso de Vilagarcía, Burela ou Vilanova de Arousa.
Elena Suárez incidiu que “a Xunta ten no saneamento integral das rías de Galicia un dos seus principais obxectivos, porque estamos convencidos de que da calidade da auga das rías depende un ecosistema único no mundo que ten un gran valor”.
COMPETENCIA MUNICIPAL
Neste sentido, a deputada popular lembrou que “en España o saneamento, a depuración e o control de vertidos é unha competencia estritamente municipal, o que non é escusa para que a Xunta estea a colaborar cos concellos para apoialos nesta materia”.
“O Goberno galego ten avanzado moito no saneamento das rías galegas, pero tamén é consciente de que queda moito camiño por percorrer, e o importante é que se están poñendo as bases para conseguilo”, manifestou. Así, salientou que a Xunta ten investidos máis de 1.100 millóns de euros en actuacións encamiñadas a mellorar e garantir a calidade da auga, dos que máis de 500 millóns centráronse no saneamento das rías galegas.
OPOSICIÓN Á LEI DE MELLORA DA CALIDADE DA AUGA
Porén, lamentou que administracións gobernadas polos socialistas “estean a bloquear diversas actuacións en Galicia” dirixidas a mellorar a auga das rías galegas. A modo de exemplo, citou as obras de mellora dos colectores e a ampliación da depuradora municipal de Vilagarcía, un proxecto para o que a Xunta ten comprometidos 33 millóns de euros pero que leva case un ano á espera dunha xestión do Concello; as dificultades que está a poñer o Ministerio de Transición Ecolóxica para sacar adiante un proxecto de saneamento en Burela; ou a negativa da Dirección Xeral de Costas do Goberno central para autorizar a obra no colector de Vilanova de Arousa.
“Pero é que ademais, neste Parlamento, socialistas e nacionalistas votaron en contra da Lei de mellora do ciclo integral da auga, que persegue, entre outros obxectivos, eliminar as verteduras contaminantes aos nosos ríos e rías”, sinalou a deputada popular, quen recriminou aos socialistas que “na rúa reivindiquen o saneamento das rías pero no Parlamento votan en contra dunha medida para contribuír a melloralo”.