8 de novembro de 2022. A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar lembrou hoxe no Parlamento galego que o período de vixencia dos actuais concertos educativos en Galicia remata co presente curso 2022-23 “e será nese momento cando corresponda a renovación do novo período de concertos, cumprindo coa normativa vixente, respectando os prazos e estando atentos á xurisprudencia”.
Carmen Pomar salientou que “a coeducación está vixente na educación mixta e na educación diferenciada, porque este obxectivo está a ser e será sempre de importancia fundamental para o Goberno galego, tanto por parte da Consellería de Educación como por parte da Secretaría Xeral de Igualdade”.
“Galicia ten un goberno responsable e a Xunta cumpriu, cumpre e cumprirá coa normativa vixente, e no caso dos centros de educación diferenciada tamén o fixo e o fará”, asegurou a deputada popular, quen apuntou que a proporción de alumnos matriculados nestes centros sobre o total de Galicia é do 0,36 por cento.