Iniciativa sobre a demanda ante o Goberno de España para manter viva a memoria das vítimas do terrorismo de ETA
O pasado mes de xullo, cumpríanse 25 anos do cruel asasinato do concelleiro popular de Ermua, Miguel Ángel Blanco.
Un asasinato que foi un punto de inflexión na reacción social contra o terrorismo de ETA, dando lugar ao nacemento do Espírito de Ermua.
Unha resposta social que se uniu en torno a unha mensaxe: memoria, dignidade e xustiza.
É importante recordar a Miguel Ángel Blanco e aos máis de 800 asasinados pola banda terrorista ETA.
Por iso, 25 anos despois do cruel asasinato do concelleiro de Ermua, resultan preocupantes algúns datos recentes de distintos estudos sociolóxicos onde se amosa que case o 60% da mocidade descoñece quen foi Miguel Ángel Blanco, que case o
95% dos españois descoñece o número de vítimas de ETA ou que o 70% da sociedade descoñeza que Ortega Lara foi o secuestro máis longo perpetrado pola banda terrorista.
No pleno do Parlamento de Galicia do pasado 13 de xullo, todos os grupos parlamentarios apoiaban unha declaración institucional onde se reclamaba entre outras cousas o compromiso de todas as administracións públicas para que o legado da memoria de Miguel Ángel Blanco e de todas as vítimas de ETA non caia no esquecemento.
Por iso, faise necesario unha implicación por parte de todas as institucións no mantemento da memoria das vítimas do terrorismo, pois como finalizaba a declaración institucional “cada un deses homes e mulleres forman parte imprescindible da historia do noso país. Para todas e todos eles reclamamos: memoria, dignidade e xustiza”.
Polo exposto, o Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para realizar as accións oportunas para manter viva a memoria das vítimas do terrorismo de ETA, en especial entre a mocidade”.