Iniciativa sbre a solicitude que debe realizar a Xunta de Galicia ao Goberno de España de inicio dun proceso de diálogo coas comunidades autónomas para garantir os dereitos dos bolseiros nas prácticas académicas
O Ministerio de Trabajo y Economía Social está redactando un futuro “Estatuto do Bolseiro”. Un texto normativo que regulará o ámbito das prácticas académicas e que afectará a miles de estudantes só en Galicia.
A afirmación de que o departamento con competencias en traballo está elaborando unha normativa que afectará directamente ao ámbito educativo xa debería facer saltar as alarmas. Sen embargo, a cuestión é aínda máis grave cando certificamos que a día de hoxe as Comunidades Autónomas –as encargadas de xestionar o día a día da educación no noso país– non foron consultadas nin convocadas para poder realizar aportacións sobre a oportunidade e o fondo desta nova regulación.
Non comprendemos cales son os motivos que explican o escurantismo e a falta de transparencia na tramitación deste futuro “Estatuto do Bolseiro” por parte do Ministerio de Trabajo y Economía Social. Así mesmo, descoñecemos os motivos que levan ao Goberno do Estado a laboralizar unha actividade –esencialmente académica– saltándose a todo o sistema educativo.
O que está claro é que, tal e como se está formulando, o novo texto nunca poderá dar resposta aos problemas que pretende solucionar debido a un dobre erro de
formulación:
Por unha banda, porque pon o foco sobre o ámbito laboral cando estamos diante
dunha actividade que é esencialmente académica, o que evidencia un absoluto descoñecemento do sistema educativo, especialmente do funcionamento da Formación Profesional.
E, pola outra, porque demoniza ás empresas, cando son fundamentais no proceso de formación.
Do coñecido ata o momento a través dos medios de comunicación, parece que o borrador do Goberno pretende equiparar aos bolseiros cos traballadores das empresas ou organismos nos que desenvolvan as prácticas, cando non o son, e pon o foco na remuneración como solución para as posibles fraudes.
Lonxe de mellorar as condicións dos bolseiros, desde o Grupo Popular consideramos que a actual formulación do “Estatuto do Bolseiro” desincentiva ás empresas a participar na formación dos estudantes de formación profesional e de universidade, coa consecuente redución da oferta formativa e de prácticas. Do mesmo xeito, non asegurará aos estudantes desfrutar da formación como ata agora, ao desaparecer as prácticas extracurriculares.
Por suposto, sobra dicir que o Grupo Popular está absolutamente a favor de evitar todo tipo de fraude ou abuso aos bolseiros. É fundamental dar certezas aos estudantes, asegurando os seus dereitos, pero tamén é clave facilitar a súa formación práctica, para unha posterior incorporación ao mercado laboral, a finalidade última do sistema. Nestes momentos, entre o alumnado vinculado a prácticas de Formación Profesional e Universidade a regulación afectará, só en Galicia, a preto de 30.000 persoas.
O Ministerio de Yolanda Díaz, non aclara que administración asumirá os custes dos novos cambios. Xa quedou acreditado a que o actual Goberno non achega os recursos necesarios ás Comunidades Autónomas para facer fronte aos cambios normativos que
el mesmo promove, o que pode redundar nun empeoramento xeral do sistema. Tamén a CRUE ten manifestado en contra desta iniciativa por entender que prexudica aos estudantes universitarios. A día de hoxe descoñécese a participación do Ministerio de Educación y Formación Profesional.
Evitar a mala praxis en casos puntuais non pode ser sinónimo de poñer en perigo as prácticas do alumnado con carácter xeral, máxime cando estas teñen demostrado ser un instrumento moi eficaz á hora de facilitar a integración á mocidade no mercado laboral. Por outra banda, tal e como está xestionando este asunto o Goberno do Estado, invádense as competencias da Xunta de Galicia en materia educativa, empregando de xeito fraudulento a modificación da regulación laboral.
Polo Exposto, O Grupo Parlamentario Popular de Galicia presenta a seguinte proposición non de lei:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a solicitar ao Goberno do Estado o inicio dun proceso de diálogo coas Comunidades Autónomas, como competentes en materia educativa xunto ao Ministerio de Educación y Formación Profesional, que garanta os dereitos dos implicados nas prácticas académicas, nomeadamente os dos bolseiros, e evite efectos perversos no sistema educativo que prexudiquen aos estudantes e á calidade da educación”.