Iniciativa sbre as actuacións que debe levar a cabo a Xunta de Galicia para impulsar determinadas medidas a prol da planificación, seguimento e control da produción do castiñeiro no período
2023-2024
A nosa Comunidade é verde. De 3 millóns de hectáreas que ocupa Galicia, 2 millóns son consideradas forestais. Destes 2/3 do territorio, máis de 1,4 millóns de hectáreas son de superficie arborada. E delas, 413.300 hectáreas son –segundo o Inventario Forestal do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico– frondosas caducifolias.
Galicia asume o 53,7% das cortas de madeira rexistradas no noso país, máis da metade. Así mesmo, realiza un aproveitamento anual de preto de 10 millóns de metros cúbicos (mentres que en toda España acádanse os 17 millóns de metros cúbicos en total), o que supón preto de 300 millóns de euros ao ano en facturación só por venda de madeira.
Este eido económico supón, ademais, un 12% do emprego industrial de toda a comunidade. Ata 80.000 familias perciben algún ingreso dos nosos bosques, directa ou indirectamente, o que representa un verdadeiro plan de pensións para milleiros de fogares galegos.
O Grupo Parlamentario Popular é consciente do recurso que posuímos na nosa terra e, sobre todo, da necesidade de saber xestionalo. Por iso, ante un sector que se erixe como unha das principais fontes de riqueza e emprego no rural galego, somos responsables do seu pleno desenvolvemento.
No ano 2018 o Ditame da comisión especial non permanente de estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do Plan Forestal de Galicia recolle un conxunto de medidas a prol do monte galego e da ordenación dos seus usos como a posta en valor dos soutos tradicionais.
O Grupo Popular que apoiou plenamente o contido deste Ditame así como o contido da
1ª Revisión do Plan Forestal de Galicia presentado neste Parlamento, considera que hai que poñer en marcha todas as actuacións necesarias para o seu cumprimento.
Concretamente, este plan configura como medida concreta a execución do Programa do castiñeiro e da produción da castaña. O castiñeiro é unha das árbores cunha maior variedade de aplicacións e utilidades nos ámbitos rurais, tanto dende o seu punto de vista da alimentación como recurso madeireiro.
Actualmente, a presenza do mesmo limítase de xeito maioritario ás zonas interiores e de montaña, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense. Este grupo cre que as actividades asociadas ao aproveitamento do castiñeiro deben ser postas en valor, ao ser consideradas de carácter estratéxico e para ser considerado como un recurso potencial resulta fundamental acadar a implicación de todos os niveis das administracións galegas así como dos distintos axentes económicos e sociais, tanto os grupos de desenvolvemento rural como os produtores forestais.
Por todo o anterior, o Grupo Parlamentario Popular presenta a seguinte proposición non de lei en Comisión:
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a impulsar e poñer en marcha as seguintes medidas a prol da planificación, seguimento e control da produción do castiñeiro no período 2023-2024:
1.- Levar a cabo unha promoción do aproveitamento conxunto dos terreos forestais mediante unha xestión sustentable e multifuncional dos produtos e servizos forestais no marco da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e da Lei de Montes de Galicia.
2.- Impulsar dun xeito xeral a mellora dos soutos, e en especial os incluídos no Rexistro de Masas consolidadas de frondosas autóctonas.
3.- Deseñar un mapa territorial que identifique as principais zonas xeográficas para plantacións de castiñeiros e favorecer estas novas plantacións con axudas públicas ou incentivos.
4.- Fomentar a implicación das comunidades de propietarias de montes de varas, abertais, de voces, de vocerío ou de fabeo e das comunidades de montes veciñais en man común e as súas mancomunidades, no desenvolvemento de novas plantacións de castiñeiro, así como fomentar e adaptar as estratexias dos Grupos
de Desenvolvemento Rural para a execución dos proxectos ligados a esta especie.”