Solicitude ao Goberno de España para que rectifique a decisión de excluír ao produtos do mar da rebaixa do IVE, de tal xeito que se lles aplique o mesmo tratamento fiscal que a outros alimentos básicos e de primeira necesidade, como medida de apoio para as familias con rendas baixas ou en situación de vulnerabilidade, para fomentar o consumo saudable e como iniciativa de apoio tamén a conxunto do sector pesqueiro e marisqueiro.
O pasado mes de decembro o Consello de Ministros aprobou un Real Decreto-Lei que contempla unha serie de medidas urxentes dirixidas a conter a elevada inflación. Entre outras, figura a rebaixa do Imposto do Valor Engadido (IVE) de determinados produtos considerados alimentos básicos e de primeira necesidade (como son as froitas, verduras, hortalizas, ovos, leite, aceites e pastas) pero entre os que non se inclúen os produtos do mar.
Inexplicablemente peixes, mariscos e conservas procedentes do mar, a pesar de ser produtos altamente saudables e imprescindibles para unha dieta completa, están excluídos desta iniciativa do Goberno de Pedro Sánchez que tampouco tivo en conta o impacto que neste sector está provocando o incremento de prezos da cesta da compra e que se traduce nunha progresiva diminución do consumo destes alimentos por parte de moitas familias.
O Grupo Parlamentario Popular coincide coas múltiples voces que, dun xeito unánime e desde os distintos elos do sector pesqueiro, acuícola e marisqueiro, defenden unha rectificación do Goberno de España e que os produtos do mar teñan o mesmo tratamento fiscal que se aplica a outros alimentos básicos.
A medida non só contribuiría a estender a peixes, a mariscos e ás súas conservas, un beneficio que posúen outros alimentos saudables e fomentar así o seu consumo, senón que contribuiría a apoiar a un sector que está a sufrir o impacto da crise de prezos (nas subministracións, enerxía e combustibles) e o impacto tamén de decisións moi cuestionables acordadas pola Unión Europea, sen que o Goberno de España fora quen de frealas, como é o caso do veto á pesca de fondo, entre outras.
As últimas estatísticas indican que no conxunto de España o gasto medio en produtos pesqueiros e de 18 euros ao mes. Son as familias con rendas máis modestas ou en situación de vulnerabilidade, moitas delas con menores ao cargo, as que menos
produtos pesqueiros consumen. Polo que renunciar ao IVE sobre os produtos pesqueiros, deixando incluso este imposto ao cero por cento, é unha política preventiva en favor da alimentación saudable. En Sanidade por cada euro que se inviste en prevención afórranse seis en tratamentos médicos posteriores.
Cómpre non esquecer que o sector pesqueiro e marisqueiro galego lidera o mercado europeo de principio a fin -na súa frota extractiva, na industria transformadora e comercializadora- o que contribúe ao desenvolvemento económico de moitas vilas e cidades costeiras, o seu consumo está moi vinculado á nosa gastronomía e cultura mariñeira e, polo tanto, debe ser apoiado en beneficio de todos.
Finalmente as medidas dirixidas a impulsar o seu consumo e apoiar este sector ademais, están en total consonancia coas políticas europeas que buscan crear uns sistemas alimenticios sostibles e xustos. Os produtos pesqueiros son a proteína animal que rexistra unha menor pegada de carbono e hídrica, ademais dun expoñente ideal desa alimentación saudable.
Polo exposto, os deputados do Grupo Parlamentario Popular presentamos a seguinte proposición non de lei en Pleno.
“O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a dirixirse ao Goberno de España para que rectifique a decisión de excluír ao produtos do mar da rebaixa do IVE, de tal xeito que se lles aplique o mesmo tratamento fiscal que a outros alimentos básicos e de primeira necesidade, como medida de apoio para as familias con rendas baixas ou en situación de vulnerabilidade, para fomentar o consumo saudable e como iniciativa de apoio tamén a conxunto do sector pesqueiro e marisqueiro”