11 de xaneiro de 2023. Os deputados galegos do Partido Popular no Congreso veñen de rexistrar unha pregunta dirixida ao Goberno para que concrete a data exacta do 2023 na que está previsto que os trens Avril, de alta velocidade, comecen a prestar servizos comerciais na liña de alta velocidade Madrid-Galicia.
Fano despois de que a secretaria de Estado de Transportes, a galega Isabel Pardo de Vera, fose incapaz onte de dar unha data certa para a chegada destes trens a Galicia e incluso a adiase ata o outono. O cal supón, en palabras do deputado ourensán Celso Delgado, un “novo incumprimento por parte do Goberno central respecto aos prazos previstos para a chegada da alta velocidade a Galicia”.
O vicevoceiro de Infraestruturas do Grupo Popular no Congreso fai referencia así ao “sistemático incumprimento dos prazos” anunciados polo Executivo a este respecto: “Primeiro dixeron que os trens Avril chegarían no 2020, despois no 2021, despois o verán do 2022 e agora no outono de 2023”.
Sosteñen os populares que “os usuarios de ferrocarril, os operadores turísticos e a cidadanía en xeral merecen un respecto que non está obtendo por parte do Goberno central”, xa que hai máis dun ano que se inaugurou a liña de alta velocidade Madrid-Galicia e “as cidades galegas, agás Ourense, seguen sufrindo o incumprimento dos tempos de viaxe previstos, a diminución das prazas ofertadas e o incremento dos prezos das viaxes”.
COMPARECENCIAS DA MINISTRA E O PRESIDENTE DE RENFE
Esta non é a primeira vez que os deputados galegos do Partido Popular no Congreso reclaman melloras nos servizos ferroviarios galegos porque consideran que é unha cuestión “de xustiza”, reiterando unha vez máis a “urxencia e necesidade” das comparecencias solicitadas polos populares sobre este asunto.
Trátase nomeadamente da comparecencia de ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, e do presidente de Renfe, Isaías Táboas, para informar sobre a responsabilidade do Goberno central no incumprimento contractual reiterado por parte de Talgo dos prazos de entrega dos trens Avril e o “gran prexuízo” que este incumprimento está ocasionando nos servizos ferroviarios de alta velocidade e longa distancia en Galicia.